Señora astrofísica da NASA, «¿Non cre que E.T. si que existiu?»

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Escolares de Pontevedra coseron a preguntas a Begoña Vila, a científica que lles falou dende EE.UU.

12 feb 2019 . Actualizado a las 11:53 h.

Onte foi o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. É unha celebración agridoce, porque, por unha banda, é bo que unha vez ao ano a sociedade poña os ollos nas mulleres científicas, que son moitas e moi boas, e que poderían ser bastantes máis e estar mellor recoñecidas. Pero, por outra parte, que teña que existir ese día quere dicir que as cousas non van ben e que, se ben é fácil que nos lembremos de moitos varóns científicos, é difícil pronunciar o nome de mulleres que o foran no pasado ou o sexan no presente polo maldito teito de cristal ou polos pouco oco que lles gardou a historia. Para tratar de endereitar as cousas, o Concello de Pontevedra fixo unha ampla programación para ese día. E un dos actos consistiu nunha videoconferencia de escolares con Begoña Vila, viguesa e astrofísica da NASA. A charla deixou momentos memorables. Vila sorprendeu. Pero os cativos tamén. E para ben.

Begoña Vila, que falaba dende Estados Unidos, explicou que traballa no proxecto James Webb, na construción dun telescopio «que fará que vexamos o espazo cuns ollos ata agora inexistentes». Vila, con moita facilidade didáctica, puxo exemplos para que os rapaces entendesen como de grande era o aparato: «Imaxinade que é como un campo de tenis», dixo. Logo, contoulles que o que van facer é ver as primeiras galaxias, para intentar descubrir de que están feitas e se hai auga ou algún síntoma de vida nelas.

«Investigarédelos vós»

Chegado a ese punto, Begoña Vila, que xa contara que ela é de Vigo, que empezou estudando na súa cidade, que logo pasou por Santiago, Inglaterra ou Canadá, implicou directamente ao alumnado. Díxolles que está convencida de que moitas das cousas que se poidan chegar a ver co telescopio James Webb as acabarán investigando eles, os rapaces que onte estaban alí sentados. E dirixiuse especialmente ás escolares mulleres. Mostrando unha gráfica do número de científicas que hai, indicou: «Xa vedes que aínda que seguro que todas vos o estades facendo moi ben en materias de ciencias, logo hai menos estudantes nas carreiras como enxeñerías e así. Anímovos a facelo, a loitar polo que queredes».

E acto seguido tocoulle falar aos rapaces. ¡E que ben o fixeron! Coseron a Begoña Vila a preguntas. Tiñan interrogantes de toda clase e condición. Preguntaron, e moito, polo teito de cristal. Querían saber se tivo trabas para facerse un oco na NASA pola súa condición de muller. Ela dixo que é certo que as mulleres adoitan ter que esforzarse máis. Pero pintou un panorama optimista. Preguntaron polos buracos negros, quixeron saber cal era a súa galaxia favorita, indagaron sobre a posibilidade de que ela fora ao espazo subida no telescopio -xa aclarou que é imposible, que viaxará catro veces a distancia da Terra á lúa e iso e é imposible que alí chegue un humano-.

Pero houbo dous rapaces que deron na diana. E, soamente coas súas preguntas, arrancaron o aplauso colectivo. O primeiro preguntoulle á científica se non cría que houbera extraterrestres. Ela dixo que non. Entón, outro neno insistiu: «¿Non cre que E.?T. existiu? E Begoña Vila, quizais pensado na inesquecible criatura televisiva, non se atreveu a dar unha negativa rotunda: «Quero pensar que non estamos solos. Pero non sei se os extraterrestre serían como ET».

Traballa na construcción do telescopio espacial James Webb, que sustituirá ao Hubble

Os rapaces preguntáronlle ata canto custa un traxe para poder ser astrounauta