![](https://img.lavdg.com/sc/08NlyRGcJT9tItglYJ3v4sGeOmg=/480x/2020/12/18/00121608313922026303282/Foto/PD19C10F1_185117.jpg)
A Biblioteca de Pontevedra acolle unha mostra que recorre a traxectoria de doce precursoras
19 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Sofía Pérez Casanova, Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato Muruais, Concepción Arenal, María Vinyals y Ferrés... E así ata unha ducia de mulleres que foron pioneiras do xornalismo en Galicia protagonizan a exposición que acolle ata o 29 de xaneiro a Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra.
Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas é título desta mostra que, en palabras de Luisa Piñeiro, «serve de recoñecemento a mulleres fundamentais na profesión xornalística galega, que contribuíron enormemente á modernización política, social e cultural empregando o valor da palabra a través dos seus escritos e da súa voz».
Impulsada pola Secretaría Xeral da Igualdade, a exposición recorre a traxectoria vital e profesional destas mulleres a través dun conxunto de paneis coas súas vivencias, biografías e experiencias. Foron xornalistas que, na maioría dos casos, non o tiveron fácil, pero que chegaron a dirixir medios de comunicación ou convertéronse en xornalistas de guerra, pero que tamén tiveron que empregar pseudónimos para poder publicar ou foron cuestionadas só polo feito de ser mulleres.
O paso do tempo puxo de manifesto, tal e como apuntou a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, que constitúen «unha parte fundamental da nosa historia e dos inicios da loita pola igualdade». De feito, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, destacou «a importancia de que a sociedade teña referentes femininos en ámbitos como a profesión periodística que fixeron historia por ser precursoras e pioneiras nas súas especialidades e mulleres que destacaron en campos tradicionalmente masculinizados abrindo camiño ás novas xeracións».
No ano no que se conmemora o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal non podía faltar unha reseña á figura de quen, entre outros fitos, foi a primeira muller en asistir, «de xeito regular, a unha universidade española», aínda que para iso tivera que se disfrazar de home. Ao seu carón, Sofía Pérez Casanova, de que se recorda como correspondente de guerra durante a Primeira Guerra Mundial e, posteriormente, da Revolución Rusa, pero tamén se alude a como, co ascenso do nazismo, publica o seu derradeiro artigo para ABC: «A realidade nazi non interesa na España franquista».
Trátase tamén de xornalistas que, como Concha Castroviejo, foron críticas literarias de primeiro nivel que foron cuestionadas, incluso, polos seus propios compañeiros e que tiveron que sortear infinidade de escollos que, en ocasións, empezaban no seu entorno familiar. «O primeiro obstáculo que atopou Concha foi seu propio pai, quen se negou rotundamente a que estudase na universidade».