O Musigal inundará Pontevedra de música ata decembro

PONTEVEDRA

CEDIDA

A Deputación impulsa dende abril concertos en 55 municipios pontevedreses a cargo de 26 grupos

14 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Guadi Galego, Baiuca, Odaiko ou Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre son os artistas e grupos, xunto con Budiño, Tanxuqueiras e Milladoiro, máis solicitados polos concellos pontevedreses adheridos ao Musigal 2021. Así o confirmaron este sábado dende a Deputación de Pontevedra ao confirmar a aprobación por parte da xunta de goberno provincial a relación de actuacións que se levaron a cabo nun total de 55 concellos da provincia de menos de cincuenta mil habitantes.

Dende a Deputación resaltaron que coa aprobación deste venres, «un ano máis a música galega e en galego chegará a todos os recunchos da provincia». Esta iniciativa impulsada pola Administración provincial ten por obxecto «contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego, así como fomentar a defensa da igualdade». Os concertos programados estarán a cargo de vinte e seis agrupacións musicais diferentes.

A este respecto, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista César Mosquera, esperaba que as actuacións poidan desenvolverse «con certa normalidade» debido á pandemia do coronavirus, ao tempo que precisou que a maior parte dos concertos están programados en xullo e agosto, con 22 e 18 eventos. No marco de Musigal haberá tamén dúas actuacións en maio, cinco en xuño e catro en setembro, mentres que nos meses de outubro e novembro contarán cun evento cada un.

Deste xeito, Andrea Pousa será a encargada de abrir a programación deste ano cun concerto que terá lugar o 9 de abril en Tui e Leilía serán as encargadas de poñer o broche a esta edición o 18 de decembro na Illa de Arousa. «Move xente relevante dentro da música galega», destacou Mosquera á hora de abordar o impacto cultural do Musigal.

Cultura accesible

A fin de contas, e tal e como incidiron dende a Deputación, trátase dun proxecto que favorece a programación artística nos concellos, que unicamente se teñen que facer cargo dos gastos de produción da actuación -como pode ser o custe dos equipos de son e luz ou do escenario-, posto que o ente provincial abona na súa totalidade o caché do espectáculo dos grupos. Todas as actuacións serán de carácter gratuíto para, deste xeito, facer «a cultura accesible para ao conxunto da cidadanía».

Os grupos máis solicitados foron Guadi Galego, Baiuca, Odaiko, Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre, Budiño, Tanxuqueiras e Milladoiro, con catro concertos cada un. Outros nomes propios que se inscribiron na edición deste ano, o que non implica que vaian necesariamente a actuar no marco do Musigal, foron os de Sondarúa, Heredeiros da Crus, Susana Seivane, Terbutalina, Roi Casal, Astarot, Festicultores Troupe, Pepe Vaamonde Grupo, Uxía Lambona, Dakidarría, Luar na Lubre, Ses, Os Resentidos, Marcelo Dobode ou Óscar Ibáñez & Tribo, entre outros moitos.