Rogelio Tarrío: presidente e remeiro para vogar un club

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Martina Miser

Tras facer historia no veciño Mecos, Gelo fixo o propio na súa terra con Vilaxoán, consolidándoo na LGT

11 oct 2021 . Actualizado a las 12:09 h.

 Gelo Tarrío érguese cada día para traballar cando o sol nin está nin inda se lle espera. Con xornadas de tres da madrugada a tres da tarde a maior parte do ano, incluído o máis cru do cru inverno, co único luxo de poder saír da cama tres horas máis tarde nos meses do verán para vivir da pesca da lura e do chopo enrolado nun barco de baixura. Con todo, a Gelo Tarrío quédalle corpo e peito para seguir volvendo de segundas ao mar case a diario a bater un pesado remo xunto aos seus compañeiros de traíña do C.R. Vilaxoán, mentres se ocupa desde hai sete anos de boa parte da xestión do club na súa presidencia. Un exercicio de funambulismo con moi contados exemplos no seu deporte, que o arousán chegou a complicar nun máis difícil inda compaxinando entre o 2015 e 2018 as funcións anteriores coas de adestrador da traíña da entidade.

Antes, Tarrío fixo historia no remo galego e español. No veciño C.R. Mecos. O club que o fichou en 1999 vendo o potencial dun rapaz de 19 anos iniciado no mar con 10 na Asociación Cultural Fogar do Pescador da súa Vilaxoán, que pasou despois pola sección de remo do Liceo Marítimo de Vilagarcía e que, desaparecida esta, se reenganchou á que describe como «unha roda na que cando te metes é un non parar» en canto tivo a ocasión, colaborando co grupo de fundadores do Club de Remo Vilaxoán en 1998.

Para entón, aquel chaval quedara felizmente atado polo afecto a un deporte no que descubriu en toda a súa dimensión o valor do «compañeirismo» entre iguais, conscientes todos da súa responsabilidade para co resto; porque «se ti non vas ao mar, os compañeiros tampouco poden baixar».

Nove tempadas botou Gelo axudando a mover a traíña do Mecos sentado no babor 3. Incluídas as cinco primeiras edicións da Liga ACT (2003-2007), a gran competición do remo de banco fixo de España. Cunha estrea que ningunha outra traíña galega puido superar, subcampión da Liga tras Astillero e terceiro na Bandeira da Concha. Un subcampionato e dous bronces no Campionato de España de Traíñas redondean o palmarés daquel Mecos dourado, ao que Gelo Tarrío pode engadir a súa marca persoal: «Creo que son o único remeiro que remou todas as regatas de Mecos na ACT e as participacións na Concha neses anos».

25.000 quilómetros ao ano en bus

«Marcouse unha época da traíña en Galicia», condensa o vilaxoanés daqueles cinco anos do Mecos na elite. «Os resultados foron bos ao principio, pero o diñeiro acabou minando. Os clubs galegos non podían competir cos do Cantábrico». Por iso, engade, «creo que fixemos un bo papel cos medios que tiñamos e coas malleiras que nos metiamos: 25.000 quilómetros en autobús cada tempada. Saiamos ás 8 da mañá do venres e chegabamos ás 11 da noite do domingo», a maioría para traballar ao día seguinte. Foi «un sacrificio enorme» do que Gelo di estar «contento».

Cando Mecos descendeu á Liga Galega de Traíñas, o arousán decidiu virar 180 graos. «Tiven ofertas para seguir na ACT», pero no 2006 cambiáralle a vida. «Fun pai, e iso tamén é un hándicap». Adestrador dos infantís e dos cadetes do C.R. Vilaxoán desde ese mesmo ano, a caída da embarcación grovense da elite acabou de madurar un proxecto que lle roldaba a cabeza a Gelo: «Quería sacar unha traíña en Vilaxoán e que os rapaces de aquí puideran competir» na categoría raíña do banco fixo.

Desde o desembarco de Gelo Tarrío no Vilaxoán no 2008, o club veu sacando todos os anos traíña, e sempre na primeira división da Liga Galega de Traíñas. Un logro que requiriu do arousán, enrolado ao longo de todo este tempo na bancada, duplicar ou mesmo triplicar traballo, compaxinando a dirección do barco 10 dos seus 14 anos na LGT.

«Síntome máis remeiro, posiblemente é o que máis me guste. É un vicio. O único que teño. E mentres a saúde me respecte, vou seguir remando». Así resposta Tarrío á pregunta de con cal dos tres roles que veu desempeñando en Vilaxoán se identifica máis. Dío sinalando que o de adestrador «é bastante gratificante, sobre todo cando traballas con chavais e es capaz de levalos ao teu rego». Pero «desde que son presidente non volvín adestrar nenos», conta.

Seguramente niso teña bastante que ver que Tarrío recoñeza sen rodeos que o de ser presidente «non é que me guste». Desde logo, «non o tiña en mente», afirma, «pero alguén ten que facelo». No 2014 o club atopouse sen ninguén disposto a asumir o posto. Ata o paso adiante de Gelo, que segue á espera de quen o releve. Un caso que o leva a inferir unha preocupante reflexión xenérica sobre o tempo que vivimos: «A nosa sociedade, á hora de involucrarse polo ben dos demais, non está polo labor. Todo o mundo mira polo seu cu. Pasa en todos os deportes. É unha falla do modelo da nosa sociedade. Só se busca o éxito persoal e cortopracista».

O vilaxoanés vive desde hai ano e medio a ingrata xestión dun club paralizado en gran medida. Primeiro, pola pandemia. E desde este verán, polo retraso acumulado nas obras de reforma das instalacións municipais que lle serven de sede. Canceladas as edicións da escola municipal de remo nos dous últimos veráns por ambas circunstancias, o club perdeu a súa principal vía de captación de deportistas.

Así as cousas, e podendo presumir en canto finalicen as obras de «non lle envexar a ningún club de Galicia a nivel de material e de instalacións», o anhelo de Gelo é «ver o club como hai dous anos, con ambiente de remo. E que viñera xente nova sen buscar o éxito dos seus fillos e si o do club».

Persoal: Rogelio Tarrío Fernández naceu o 19 de agosto de 1977 en Vilaxoán (Vilagarcía). É mariñeiro nun barco de baixura dedicado principalmente á captura da lura e do chopo.

Traxectoria: Gelo empezou no remo con 10 anos na asociación Fogar do Pescador de Vilaxoán e dos 13 aos 17 vogou na sección do Liceo Marítimo, ata que pechou. Colaborou na fundación do C.R. Vilaxoán antes de enrolarse no C.R. Mecos, de 1999 a 2007. No 2008 volveu ao Vilaxoán, compaxinando funcións de técnico, de remeiro e de presidente.