«En Xela a música o impregna todo»

PONTEVEDRA

NINO GÁNDARA

A xornalista Teresa Cuíñas é autora do limiar dunha obra que recupera os textos compostos para Desertores

01 feb 2022 . Actualizado a las 13:37 h.

Unha reportaxe nun monográfico da revista Luzes que coordinaba Manuel Bragado foi o xerme de Xela Arias. Cancións que días atrás presentouse na librería Paz de Pontevedra coa presenza da editora e autora do limiar, Teresa Cuíñas. «Manuel coñéceme moi ben. Sabía que me gustaba moito a poesía de Xela e tamén sabe da miña inclinación cara a música como xornalismo», sinala a propia Cuíñas». Afondar no estudio da autora viguesa permitiulle observar que «había un discurso moi entrelazado entra música e a vida e a obra de Xela».

O certo é que aquela reportaxe chamou a atención de, entre outros, Fran Alonso, da editorial Xerais, a persoa que lle propuxo amplialo polo Día das Letras Galegas centrándose na faceta que tivo como letrista dalgúns dos temas de Desertores, que ofreceron un concerto en acústico. Comezou entón unha labor de confrontar os textos manuscritos, xa foran escritos de puño e letra de Xela ou mecanografados, de que dispuña a banda eliminando «posibles erros de transcrición, depurando os textos un pouquiño e ver cales eran os cambios que os músicos, loxicamente, efectuaran ao gravar. Por iso, no libro, ás veces, sae a versión de Xela e a súa carón a versión da banda porque, en ocasións, modificaron a letra para adaptala á canción. É algo que enriquece a edición».

Neste proceso, Teresa Cuíñas puido contextualizar mellor a investigación primixenia e, ao tempo, retornar aos poemas de Xela Arias «con outros ollos. Toda a súa obra —aclara—, non só estas letras que foran creadas para Desertores». Descubriu entón que a súa voz «segue soando absolutamente contemporánea. Paréceme que unha gran maioría dos seus poemas pódense ler como letras de cancións. Esa sensación, ese calambre, esa electricidade que sinto cando escoito grupos que me gustan moito, tamén a sinto aquí. En Xela a música o impregna todo. Creo que a súa musicalidade a estamos descubrindo agora todos».

As fontes documentais sobre Xera Arias, quen naceu en 1963 e morreu no 2003, son moi amplas e abarcan todo tipo de soportes, dende a escrita e audiovisual ata murais nas rúas, o que permite confirmar «a coherencia na teoría e na práctica (...), entre o que chega a facer e o que promove dende a teoría», así como «a autenticidade» da autora de, entre outras obras, Tigres coma cabalos ou Darío a diario.

Pero tamén atisbou a pegada que tiveron Joy Division, Lou Reed ou Patti Smith, «gustos coincidentes cos meus. Foi pracenteiro e revelador», confesa.

A conmemoración do Día das Letras Galegas estivo marcada pola pandemia, o que determinou que se deixaran de facer moitos eventos. A pesar diso, a xornalista está convencida de que a súa celebración tivo «un carácter popular e distendido» que serviu para dala a coñecer entre sectores da poboación que non a coñecían.

Ademais de que fixo posible que se fixeran reedicións de todas as súas obras, que se afondase nos seus textos ou que visen a luz outro tipo de publicacións, como é o caso de Xela Arias. Cancións, libro ao que acompaña un compacto cos temas interpretados por Desertores. «As regravaron. Son as mesmas cancións con vestimentas novas», destacou invitando a deixar ao lado os posibles medos a ler poesía: «Os poemas coma as cancións son formas primeiras ou, incluso, primitivas da literatura e están ao alcance de calquera. É unha das primeiras manifestacións. Hai que lelos, escoitalos e deixarse levar».

Concerto en acústico

«Sempre cantamos as letras de Xela como algo noso. Cando subimos ao escenario, Xela está presente, non é que lle fagamos unha homenaxe e que sempre participou con nós dende que comezou o grupo», remarca Valerio Araújo. O vocalista de Desertores alude a que, aínda que son doce as cancións que aparecen no compacto, o certo é que dispoñen de dezasete letras da poeta.

Cando se xuntaron para fundar o grupo, na metade dos oitenta, Xela «estaba preto do noso círculo de amizades. Saíamos por aí a tomarnos unhas copas, pero non falábamos nin de música, nin de poesía». Cando a banda daba os seus primeiros pasos, ela xa tiña publicado polo que lle propuxeron que lles fixera unhas letras. A primeira foi Nena y alcohol, «que e unha novidade, xunto con Buguis, no libro-disco e foron as súas dúas primeiras cancións».

Finalmente, compuxo seis letras do primeiro disco de Desertores, El desertor, e catro do segundo, El vicio de la carne. «Pasábanos as letras moi preocupada de si valían ou non. Preocupáballe moito isto. E eran xoias xa daquela».