Onte rendéuselle homenaxe a Marica Campo e Xosé Cobas pola súa labor a prol da literatura infantil e xuvenil
27 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Co espectáculo de danza Senta que hai baile, Pésdelan serán os encargados esta tarde da clausura da edición deste ano do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Deste xeito, poderán quitarse o sabor agridoce da súa anterior presenza no salón, xa que, «en plena pandemia, o noso concerto foi en liña. Agora, coa situación felizmente cambiada, temos moitas ganas de facervos bailar e gozar coa nosa música e os nosos bailes», transmitiron por redes sociais.
Este domingo, e como broche, programáronse obradoiros gastronómicos, de videoxogos ou de animación en stop-motion, pero tamén espectáculos de maxia e sesións de contos, música e monicreques con Bea Campos e Manuel Pombal. E todo isto xa pensando no 2023.
En todo caso, e antes de que chegue o fatídico momento de apagar las luces, este sábado Carme Fouces, concelleira de Cultura, conduciu a homenaxe a Marica Campos, como escritora, e Xosé Cobas, como ilustrador. «Deixamos case para o final do Salón unha das nosas actividades máis queridas, a homenaxe ás persoas que contribuíron crear as bases da nosa Literatura Infantil e Xuvenil, da que tanto nos gabamos e presumimos por mundo adiante. Se hoxe temos unha LIX vizosa, non hai máis que mirar os andeis que temos na sala de exposicións e no recinto feiral, é grazas a quen iniciou ese camiño, a quen apostou por crer e crear en galego, para que as crianzas puidesen ler e soñar na nosa lingua», sinalou.
As palabras de Carme Fouces estiveron acompañadas pola exhibición dun vídeo en bucle amosando o traballo do alumnado de infantil e primaria do CEIP A Ramallosa de Teo que interpretaron os poemas e ilustracións de ambos autores. Pola súa banda, Su Garrido Pombo interpretou Muller, tema de Fuxan os ventos inspirada nun poema de Marica e que serviu de antesala para a surpresiva intervención de Soledad Felloza, amiga da poeta e encargada de facer a laudatio. Dela dixo que era «unha escritora comprometida co seu tempo, nacionalista, feminista e solidaria», así como deixou claro que «a mellor homenaxe que se pode facer é ler a túa obra e espallala».
Marica Campos respostou deixando claro que «escribir sen paixón é como escribir palabras na área, que vén unha onda do mar, e as leva», ao tempo que destacou a importancia da LIX na configuración do universos simbólico dos nenos e nenas.
Ao remate das súas palabras, a voz de Su Garrido recorreu Vento morno consciente de que, «a Cobas, como a min, o vento morno e algo que nos inspira». Antonio García Teijeiro eloxiou á persoa, o traballo e a traxectoria do seu amigo Xosé Cobas: «O seu concepto poético tan sutil proporciona aloumiños estéticos, leva da man a palabra e imaxe co obxectivo de que transiten xuntos polo camiño da beleza. É un narrador visual, un poeta da imaxe».
O ilustrador non dubidou en reprender a García Teijeiro por telo enganado todos estes días e non confirmar a súa asistencia ao acto.
A mascota Orbil e os netos de Cobas fixeron entrega dos agasallos —unhas figuras de Sargadelos do loro Ravachol—, mentres que o Rock Lab pechou a homenaxe.