Kiko da Silva: «Había historietas que sería imposible expoñer ao público»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

AINHOA LÓPEZ

O pontevedrés é o comisario da exposición centrada na obra do artista Peter Bagge, «Todo o mundo é imbécil menos eu»

22 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar de Peter Bagge é falar dun dos nomes propios do cómic undergroud estadounidense. Non só é falar do creador de Odio ou de Mundo idiota, senón dun creador capaz de darlle un aparente xiro de 180 graos a súa carreira para adentrarse na vida dalgunhas das mulleres pioneiras menos coñecidas. E digo aparente porque, no fondo, as súas inquedanzas, a súa visión do mundo segue igual de presente que antano.

Ata o vindeiro 17 de xullo pódese visitar no Pazo da Cultura de Pontevedra unha exposición única sobre a obra de Bagge. A fin de contas, Kiko da Silva, como comisario da mesma, deulle forma a Todo o mundo é imbécil menos eu especificamente para ser exposta na cidade do Lérez. «É unha exposición diferente porque o que quería é facer unha mostra para ler. De feito, a súa propia disposición está pensada para ser lida e por iso os cadros están presentados de dous en dous, siluetadas cunha revista de banda deseñada e as historietas están completas», engadiu, ao tempo que precisou que as mesmas están en castelán porque así foron cedidas por La Cúpula.

AINHOA LÓPEZ

O obxectivo é eminentemente divulgativo, que o visitante comprenda que a banda deseñada «está feita para ler, non só para ver».

Neste punto, Kiko da Silva confesa que «están expostas as historietas que se podían expoñer ao público (...). Este home é moi destroyer e había algunhas que me encantaría poñer, pero vamos... nin de coña. Fixen unha selección das que me parecían máis divertidas e das más interesantes, pero das que se poderían poñer hoxe en día».

AINHOA LÓPEZ

O certo é que o politicamente correcto pasa factura co correr dos anos a cuestións que, décadas atrás, eran obxecto de humor. «Cando estaba a facer a selección había algunhas historietas que sería imposible de poñer nunha sala de exposición pública. Era moi arriscado», apunta.

En todo caso, Da Silva deixa claro que o visitante seguirá atopando «irreverencia, un percorrido pola evolución de Odio, porque o personaxe principal, Buddy Bradley, foi evolucionando con Peter Bagge. Envelleceu, acabou tendo fillos...». De feito, o propio creador, durante a súa estancia en Pontevedra, sinalou que Buddy «foi envellecendo comigo. Tiña vinte anos máis ca mín. Casou, tivo fillos e foise convertendo nun tío cada vez máis excéntrico... Pero segundo ía crecendo, as vendas ían baixando. Tiña moitas ideas para seguir con Buddy Bradley, mais, ao final, as vendas mandan».

AINHOA LÓPEZ

A exhibición non obvia unha das arestas, cecais unha das máis interesantes do autor estadounidense, a súa visión política. De feito, o nome da exposición fai referencia a un libro que «me parece fundamental para entender o que está pasando nos Estados Unidos. Fala do estropicio político que sucedeu nos últimos anos, do 11S, da globalización, da dependencia dos outros países, a carreira armamentística, a hipocrisía das persoas nas redes sociais... É unha mestura de libro humorístico e xornalístico, que é unha combinación moi difícil».