Culturgal conmemora en Pontevedra os seus «15 anos cos fíos da Cultura»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

A programación buscará «obter un maior equilibrio entre diferentes sectores e disciplinas»

28 sep 2022 . Actualizado a las 19:22 h.

Co 85% dos stands xa reservados, este mércores presentouse en Pontevedra a vindeira edición do Culturgal, que se desenvolverá do 24 ao 27 de novembro no Pazo da Cultura co obxectivo de presentar «unha programación máis abarcable, máis cómoda e eficiente para público e artistas».

Tras aludir aos orixes desta cita alá polo 2007, a nova directora do Culturgal, Eva Alonso, destacou que esta cita «estabilizouse como proxecto estratéxico da man das asociacións empresariais. Hoxe en día pode gabarse de ser un proxecto colaborativo e comunitario lonxevo, de referencia e exemplo da alianza privada-institucional, coa implicación e complicidade das administracións hoxe aquí representadas». Esta edición leva por lema 15 anos cos fíos da Cultura, unha idea que, conxugada coa imaxe gráfica ideada por Isa Vila, «reforza ese carácter cohesionador deste proxecto», engadiu.

Principal novidade

Na súa intervención, explicou que unha das principais novidades desta edición será a distribución en dous grupos dos stands da feira. Por unha banda, aqueles que fan venda directa de produto e, por outra, as entidades que buscan visibilizar marca, proxectos ou para establecer contactos profesionais.

No que respecta á programación, a directora do Culturgal remarcou o reforzo da parte profesional: «Considerei que neste piar do Culturgal podemos afondar máis e poñernos ao servizo do sector e dos seus profesionais ofrecéndolles un evento interesante e eficiente para eles. Algo máis urxente ou necesario se cabe, tras o tempo de pandemia: o contacto profesional, a necesidade de dotarnos de máis ferramentas, recursos, espazos colaborativos de encontro e de traballo», precisou.

Deste xeito, disporase fisicamente dun espazo profesional, polo que o 24 de novembro a feira abrirá exclusivamente para profesionais e empresas.

Programación xeral

Aínda que a programación xeral darase a coñecer en vindeiras semanas, Alonso adiantou a intención de «obter un maior equilibrio entre diferentes sectores e disciplinas. É dicir, un programa que conte con teatro adulto e familiar, que teña música ao vivo e unha xenerosa mostra do cinema e do traballo audiovisual que se fai en Galicia, que programe artes vivas e iniciativas vinculadas coa creación artística contemporánea, e que, por suposto, siga sendo a cita de referencia do libro galego».

Ramón Leiro

Neste eido, o propio quince aniversario da feira terá un oco propio dentro desta programación. De feito, está prevista unha exposición con materiais gráficos e audiovisuais que percorran a andaina do proxecto desde os seus inicios, así como un acto conmemorativo que terá lugar o domingo da clausura.

No transcurso da presentación do Culturgal, a deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, animou á cidadanía a festexar Culturgal: «Que gran opción é recrearnos durante tres días nesta eclosión cultural que vivimos», mentres que o director da Agadic, Jacobo Sutil, incidiu no carácter da feira como espazo profesional. «Nese aspecto o aliñamento co traballo da Xunta de Galicia é total, afondar na Culturgal como espazo profesional conta con todo o noso apoio. Pensamos que estamos nun momento de oportunidade, non só por deixar atrás as restricións da pandemia, senón porque contamos con fondos europeos que van repercutir no sector».

Pola súa parte, Carmen Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, destacou que este proxecto merece un esforzo de recursos por parte das administracións, pois «vivimos un momento cultural extraordinario. Poderiamos montar as programacións só coas propostas que están xurdindo en Galicia. O catálogo actual é espectacular».

.