Verbas en Flor espalla a cultura por todas as parroquias do concello de Poio

PONTEVEDRA

LÓPEZ PENIDE

02 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A celebración onte da undécima xornada da Liga Galega de Billarda foi o pistoletazo de saída da terceira edición do programa Verbas en Flor, que abarca actuacións musicais, presentacións de libros, teatro, proxeccións audiovisuais e toda clase de iniciativas, en palabras da concelleira Raquel Rodríguez, que estivo acompañada pola edil de Deportes, Marga Caldas, «pensadas para toda a veciñanza e todas as idades». Así, hai programadas máis dunha ducia de actividades entre os meses de abril e maio, entre as que se atopan dúas grandes citas de referencia en Poio, a Festa dos Maios e o Día das Letras Galegas, coa intención de espallar a cultura por todas as parroquias do concello.

Verbas en Flor continuará mañá co Concerto de Primavera que a Escola de Música (ESMU) ofrecerá ás 20 horas na Praza da Granxa, de Campelo. «Será unha actuación que supón a estrea de pezas sobre as obras gañadoras no Concurso Literario Xaime Illa de 2022», mentres que o vindeiro 11 de abril o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó «acollerá unha sesión de teatro para o alumnado do IES».