O Museo de Pontevedra publica dous romances ilustrados inéditos elaborados en 1935 por integrantes do Seminario de Estudos Galegos

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

museo de pontevedra

Mentras que unha das pezas, Romance de unha fatal ocasión, xa era coñecida, a segunda, Tibi Bastianus Imperator Peruensis, descubriuse recentemente ao ser doada polo fillo de Sebastián González García-Paz

29 jun 2023 . Actualizado a las 19:14 h.

No marco da celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos, unha das accións previstas polo Museo de Pontevedra consistirá na edición de dous documentos «ata agora inéditos e que reúnen un grande interese histórico, literario e artístico». Así, á xa prevista publicación dun facsimilar do Romance de unha fatal ocasión, un poema que os seminaristas dedicaron a Castelao, únese a dun segundo romance do mesmo ano, 1935, dedicado a Sebastián González García-Paz e que acaba de ser doado ao Museo polo fillo deste.

Dende a institución pontevedresa salientaron que estas dúas obras «encádranse no contexto das 'xeiras' que organizaba o Seminario de Estudos Galegos, e en concreto na do Deza. O Seminario organizábase en seccións dedicadas a distintas disciplinas pero que periodicamente realizaban saídas conxuntas de arredor dunha semana a diferentes comarcas galegas, nas que se reunían o maior número de membros posible e que buscaban recoller información sobre o terreo, poñela en común e intercambiala. O recoñecemento do Deza comezou en 1928 e intensificouse nos veráns de 1934 e 1935».

museo de pontevedra

Engadiron que nesta última campaña de investigación, desenvolvida a principios de xullo do 35, «faltou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que acababa de ser desterrado a Badajoz. Como xa fixeran noutras ocasións con textos dedicados a Vicente Risco e outros, os seminaristas dedicáronlle a Castelao o Romance de unha fatal ocasión, un exercicio literario con caligrafías e ilustracións de varios deles. Aínda que o de Rianxo era o destinatario principal do poema, a dedicatoria faise extensiva a outros ausentes: Alexandre Bóveda, tamén castigado en Cádiz, e Robustiano Fernández Cochón», apuntaron ao respecto.

Manuscrito orixinal

O manuscrito orixinal gárdase no Arquivo Filgueira Valverde do arquivo documental do Museo de Pontevedra, entidade dende a que destacaron que inclúe ilustracións de Vicente Risco, Manuel Gómez Román, Hermida e Laxeiro, que deseña a portada, mentres que os versos teñen a caligrafía dun nutrido número de membros do seminario, caso de Florentino López Cuevillas, Risco, Xaquín Lorenzo, 'Xocas', Xosé Ramón Fernández-Oxea, 'Ben-Cho-Shey', ou Antonio Iglesias Vilarelle, entre outros.

As arquiveiras responsables da área de documentación do Museo precisaron que a composición «mantén unha unidade de argumento e ritmo que fai pensar que se trata da obra dun só autor». As evidencias que recollen no estudo introdutorio que acompañará a edición apuntan a que o autor sería Xosé Filgueira Valverde.

Doazón dun inédito

O volume da facsimilar completarase cunha peza de características similares e que ata agora non se coñecía. Trátase de Tibi Bastianus Imperator Peruensis, unha composición dedicada a Sebastián González García-Paz por dous amigos e compañeiros do Seminario de Estudos Galegos, Xosé Ramón Fernández-Oxea, 'Ben-Cho-Shey', e Xaquín Lorenzo, 'Xocas'.

museo de pontevedra

Juan Manuel González Lamela, fillo de Sebastián González, vén de doar ao Museo este importante documento inédito que está datado no 15 de xullo de 1935 e conta cun texto escrito por Ben-Cho-Shey que remite na temática á tradición tardomedieval, o que tamén se reflicte na coidada caligrafía. Acompañan ao texto ilustracións de Xocas, nas que aparecen os personaxes do poema: unha moura encantada, o propio Sebastián González e o seu profesor, o furibundo Abelardo Moralejo, na forma dun dragón.

Dende o Museo matizan que o contexto no que se compuxo este romance é o mesmo do dedicado a Castelao. Isto é, son obras que os membros do Seminario de Estudos Galegos lle dedican aos compañeiros ausentes nas súas actividades conxuntas.

Data de publicación

En canto ao calendario de publicación, está previsto que vexan a luz neste vinderio outono. O  volume incluirá un estudo introdutorio e un apéndice documental cunha serie de notas redactadas por Filgueira Valverde na que se recollen anécdotas das xeiras do Deza que dan o contexto necesario para entender o contido do Romance de unha fatal ocasión.

A programación do Museo de Pontevedra polo centenario da fundación do Seminario completarase con outras actividades: dúas saídas temáticas a modo de xeiras pola comarca do Deza en setembro, un ciclo de conferencias en outubro e a apertura dun espazo web para divulgar os materiais do SEG custodiados no Museo.