Malusiña, o festival homenaxe de Pontevedra á recordada Malú Pedrosa

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

Tony Lomba, Eladio Santos, Parking Dust ou Cora Velasco, filla da homenaxeada, actuarán no Campiño de Santa María

29 sep 2023 . Actualizado a las 18:31 h.

A despedida a Malú Pedrosa López, a finais de novembro do ano pasado, converteuse, en palabras de Alexandre Portela, «nunha xuntanza homenaxe que desbordou todas as expectativas e acabou converténdose nunha especie de microfestivaliño dun día. Despois propúxenlle a Cora [Velasco] que isto molaría facelo en plan ben co cabo de ano...». «... E con vistas a que sexa unha cita anual. A nosa intención non é que quede no que se faga este sábado, senón que se repita», acota a cantante e filla de Malú Pedrosa.

E xurdiu Malusiña, como esta última era coñecida, que hoxe celebra a súa primeira edición dende as 12 horas no Campiño de Santa María. Foi neste espazo onde Malú estivo ao fronte do Pavero Bar. Ao longo de toda a xornada sucederanse as actuacións de Tony Lomba, Eladio Santos, Carlos Crespo e K DJ (La Duendeneta), Auténtico DJ, Parking Dust ou Columna Vegana.

Tanto Alexandre como Cora destacan o cariño con que todos os artistas recibiron a proposta de participar: «Toda a xente á que llo propuxemos era xente moi afín ao Pavero, que tiña un bo recordo, pero, sobre todo, apego coa miña nai. Creo que non vai ninguén que non estivera nunca no Pavero». «Hai máis xente que nos gustaría haber metido. Polo formato non podemos traer a cincuenta bandas, pero seguro que habería candidatos», recoñece Portela.

CAPOTILLO

Ese cariño está directamente relacionado coa personalidade de Malú, «a persoa máis xenerosa que coñecín na miña vida. Era dedicada, cariñosa, moi loitadora, desinteresada... A mellor persoa que podo dicir que coñezo», sinala Cora. Era «moi querida por todo o mundo, un cariño gañado a pulso e moi activa con todo tipo de asociacións e coas causas nas que ela cría que valían a pena», sostén Alexandre, destacando a ampla rede de amizades que cultivou, «incluído algún taurino».

«Ela era declarada antitaurina —a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas dedicoulle a manifestación deste ano—, pero facíase querer por todo o mundo», lembra a súa filla, quen recoñece que, en certa maneira, o Malusiña «vai ser duro. Eladio e máis eu temos previsto tocar en directo o tema que lle fixemos. Vai ser un momento complicado, pero tamén con moita alegría. O noso obxectivo é que sexa unha festa, que sexa divertido. Non queremos algo lacrimóxeno ou que a xente faga uns speechs en plan tal... porque xa sabemos o que hai. Imos pasalo ben, a lembrala como ela foi e aguantar todo o día, porque vai ser moi longo». «Queremos que sexa unha homenaxe, pero tamén unha proposta cultural para a xente que, ao mellor, non a coñecía. Non queremos que se converta en algo litúrxico», conclúe Alexandre Portela.

Tanto este último como Cora Velasco quixeron agradecer a implicación das persoas que colaboraron no Malusiña, á familia, aos locais O’Panderetas, La Hormiga e La Verbena, e ao Concello. De igual xeito, agradeceron a comprensión dos veciños de Santa María