Alba Chan e Ene fanse en Pontevedra co Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético con«Idol»

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ene e Alba Chan, autoras de «Idol»
Ene e Alba Chan, autoras de «Idol»

Ambas autoras verán publicado o seu cómic por Xerais

23 ene 2024 . Actualizado a las 16:06 h.

As pontevedresas Alba Chan e Ene acaban de lograr o quinto Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético con Idol. Trátase dunha obra que publicará Xerais a próxima primavera.

Deste xeito, o xurado, composto por Miguel Porto, Fernando Llor e Kiko da Silva, por parte do Garaxe Hermético, e Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación de Xerais, salientou «a enorme capacidade de conexión que ten Idol para empatizar co lectorado adolescente e visibilizar os seus gustos, problemas e ansiedades». De feito, o cómic toma o título dun programa tipo talent show musical no que participan dúas amigas, que son as protagonistas, circunstancia que deriva nunha historia xuvenil «narrada graficamente desde un estilo achegado ao manga xaponés e no que vibran as ondas do K-pop coreano».

De igual modo, o xurado non deixou pasar a ocasión de salientar o propio tema escollido, así como destacou «o excelente tratamento da cor, moi elaborado, a interrelación que se establece entre o tema da música e a ilustración, así como a presenza de viñetas nas que a composición dá lugar a imaxes moi gráficas das actuacións musicais das protagonistas, así como dos seus estados de ánimo».

Tanto Alba Chan como Ene residen en Pontevedra e son alumnas de terceiro Curso Profesional de BD na escola O Garaxe Hermético.