Pablo Carpintero, investigador e músico: «As gaitas máis antigas que se atoparon por agora están en Pontevedra»

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

O investigador e músico datou un punteiro que, ao parecer, usou de neno o gaiteiro de Poio Manuel Villanueva, ao tempo que destacou que hai instrumentos «datados a finais do século XV»

18 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Este pasado venres, os investigadores e músicos Rosa Sánchez e Pablo Carpintero ofreceron no Edificio Castelao unha charla-concerto baixo o título As gaitas de fol na provincia de Pontevedra. Deste xeito, non só analizaron as gaitas que garda o Museo de Pontevedra, senón tamén «a datación que fixemos delas», así como rememoraron como, grazas a «Castro Sampedro, que foi o que fixo esta colección, e Perfecto Feijoo, que doou a súa gaita e as gaitas e ferramentas de Manuel Villanueva, creouse no Museo unha especie de cápsula do tempo sobre esas gaitas que son moi particulares, estas gaitas de ronquillo que se chaman de Pontevedra. Son moi particulares pola dixitación, polo repertorio, pola técnica, pola forma... ademais de que hai instrumentos datados a finais do século XV. As gaitas máis antigas que se atoparon por agora están en Pontevedra».

—Unha característica das gaitas é que pasen de xeración en xeración, de gaiteiro en gaiteiro. É normal noutros instrumentos?

—Non, non. Para nada, en absoluto. Só cos violíns ocorre algo parecido porque algúns deles son pezas de moito valor e dende o XVI ou XVII levan pasando de violinista en violinista. Son Stradivarius, Guarnieri... Pero é, sobre todo, polo seu valor económico. Pero que pasen de man en man de forma, digamos, cultural porque pertencen a unha tradición que se perpetúa dende séculos non hai nada parecido documentado no mundo, que eu saiba.

Ramón Leiro

—A grandes rasgos, cómo é o proceso que emprega para datar as gaitas?

—Recurrimos a dous métodos. Na Universidade de Vigo estou facendo unha tese doutoral na que desenvolvemos un modelo que data as gaitas en base ao desgaste que lle producen os dedos ao tocar. Iso é sempre proporcional ao tempo de uso, pero permítenos calcular canto tempo foi usado un instrumento e da unha idade mínima. Pode ser máis antiga, pode ser que descansara algún tempo, pero tes unha idade mínima. E logo, fixemos probas do Carbono 14, que che da a época na que morreu a madeira coa que se fixo a gaita. Está a dar unha idade máxima. Entón, entre o noso modelo que da unha idade mínima e a datación do Carbono 14, que da unha idade máxima, está a idade da gaita. Ademais, das probas do Carbono 14 valéronnos, a súa vez, para validar o noso modelo. Isto permitiu, entre outras cousas, determinar que a gaita de Campañó levaba en uso dende finais da Idade Media pasando de man en man, pero tamén outros instrumentos de Pontevedra moi antigas, algunhas delas están no Museo.

Ramón Leiro

—Creo que recentemente analizaron dous punteiros do Museo?

—Si, un que pertenceu a Manuel Villanueva, seguramente dunha gaita que herdou doutro gaiteiro e que el usou de neno ata que se construíu o seu propio instrumento. E despois outro punteiro que estaba entre as ferramentas de Manuel Villanueva, un punteiro seguramente do século XV pola datación do Carbono 14. É un punteiro como o de Campañó con aneis no fuste, que xa parecía moi antigo.

Ramón Leiro

—Que obxectivos buscan actividades como a desenvolvida o venres no Museo?

—A charla busca poñer en valor os efectos que hai no Museo de Pontevedra, por un lado, e as gaitas propias da cidade de Pontevedra e a súa contorna, por outro.

Ramón Leiro

—Están moi esquecidas estas gaitas?

—No. Grazas a que no Museo se conservan estas gaitas, pero tamén as ferramentas, as palletas, as gravacións, as partituras de Casto Sampedro, pero tamén grazas aos que fomos facendo réplicas delas e usándoas colleron pulo outra vez. Xa se venderon unhas cantas réplicas.