Borja Salgado e Santiago Telmo, actores: «Pensei que a Rapa das Bestas sería un bo escenario para unha historia de diversidade sexual»

PONTEVEDRA

Álex Sobrino

A peza «Brokeback Sabucedo (paixón entre bestas)» pechará este xoves o ciclo Ponteatro no Principal

14 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Brokeback Sabucedo (paixón entre bestas), da compañía Sal do Teatro, porá o vindeiro 18 de abril o broche a edición deste ano de Ponteatro cunha dobre función. Pola mañá para, en colaboración co programa Pinto e Maragota, os institutos da cidade e, xa pola noite (21 horas. Entrada á venda en Ataquilla.com) para o público xeneralista. A peza, segundo destacaron os coprotagonistas Borja Salgado (Santiago de Compostela, 1987) e Santiago Telmo (Sanxenxo, 1977), relata a historia de «dous amigos da Estrada que foron xuntos ao instituto e tiñan unha amizade moi profunda, e que se separaron polo que pasa na vida. Un foi a Madrid, outro quedou na Estrada. Atópanse vinte anos despois no contexto da Rapa das Bestas e aí xorden uns sentimentos que estaban aí, pero que a sociedade máis hetero, digamos, fíxolles renunciar a certas cousas. Pero tampouco quero contar moito máis porque senón desvelo o conto», apunta o primeiro.

—Como xurde «Brokeback Sabucedo»?

—[Santiago Telmo] Xurde da necesidade de que houbera espectáculos de temática LGTBI+. Eu quería escribir un texto que falara da diversidade, pero enfocalo no territorio galego, que falara da nosa cultura e busquei algo que fora característico e tradicional. Pensei que a Rapa das Bestas sería un bo escenario para amosar unha historia de diversidade sexual na idiosincrasia galega.

—Imaxinaban entón a acollida que ía ter a obra?

—[S. T.] Un cando crea algo sempre faino co previsión de facelo o mellor posible para que guste ao público, quen é quen ven ao teatro. Sen público non hai teatro. Pero a verdade é que nos está sorprendendo para ben a acollida que está tendo o espectáculo. Penso que iso se debe a que conta unha historia verosímil de dous personaxes, que lle pode pasar a calquera, e non ten un carácter didáctico ou pedagóxico, aínda que si que puidera estar. Simplemente, penso que engancha co público porque é unha historia tan real que lle podería pasar a calquera. Creo que isto é o que transmite para que lle guste á xente e veña vela.

—[Borja Salgado] Ao principio podes ter dúbidas un pouco porque, ao tratar este tipo de temas, a verdade é que podes ter medo a que non cale ben na sociedade. Son temas que… Estamos en loita constante con estas cousas, pero a verdade é que o público está respondendo ben e en todas as franxas de idade. Tanto á xente maior estalle gustando a peza como tamén aos adolescentes.

—E que foi o máis complexo nesta produción?

—[S. T.] O financiamento. Tivemos que recorrer a un crowdfunding para poder levar o proxecto a cabo porque non tiñamos subvencións do Estado e tampouco somos persoas acaudaladas. Tivemos que recorrer á axuda privada por esta canle.

—[B. S.] Ía comentar nesta mesma liña. O complexo da produción do espectáculo foi, precisamente, a financiamento. E despois, a loxística, pero é o normal en calquera produción en Galicia.

—A pregunta é inevitable, o título evoca a oscarizada película «Brokeback Mountain»?

—[S. T.] Si, claro. Levar os clichés da masculinidade á Rapa das Bestas está un pouco baseado na película Brokeback Mountain, que eran uns vaqueiros que ían coidar gando ao estado de Wyoming e, de repente, chama a atención que dúas persoas que aparentemente son moi masculinas, moi machos, puideran ter unha relación de amor.