O programa «Aquí faltan páxinas» afonda na figura da pintora Mercedes Ruibal
PONTEVEDRA
A cita é no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra
05 nov 2024 . Actualizado a las 16:03 h.A Deputación de Pontevedra impulsa este venres (19 h.) no Edificio Administrativo unha nova entrega do programa Aquí faltan páxinas que, nesta ocasión, terá como protagonista á pintora Mercedes Ruibal. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abrirá este faladoiro para, de seguido, tomar a palabra Graciela Baquero Ruibal, sobriña de Mercedes Ruibal.
Este relatorio, que se poderá seguir a través da web da Deputación de Pontevedra, irá acompañado dun pódcast que estará dispoñible nos próximos días tanto no sitio web institucional, así como en Ivoox e Spotify, completándose con testemuños recollidos durante o encontro deste venres. O faladoiro centrarase en Mercedes Ruibal, nada en Xeve, «nunha familia de grandes inquietudes artísticas que se viu obrigada a emigrar a causa da guerra».
Deste xeito, e segundo engaden dende a Deputación, en Bos Aires iniciouse na pintura con Laxeiro como amigo, mentor e mestre e, cando regresou a Galicia, fíxoo convertida en pintora. «Viviu en Madrid e tras casar con Agustín Pérez percorreu medio mundo, con parada en cidades como Roma, onde compartiu estudo con Rafael Alberti», engadiron precisando que a súa pintura figura nas coleccións de varios museos galegos e americanos.
Segunda colección
Esta segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, comezou o mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano: «As accións deste ano, ademais da traxectoria de Mercedes Ruibal, tamén inclúen a historia de mulleres como as leiteiras de Pontevedra, a investigadora Inmaculada Paz Andrade, a escritora Avelina Valladares, a guerrilleira Placeres Castellanos, a fotógrafa Mary Quintero, as madriñas de Redondela, a raíña Dona Urraca, a política e activista Urania Mella, a combatente María Araujo, ademais da soprano María Pardo».