Catorce novos titulados protagonizarán o desfile deste ano
13 nov 2024 . Actualizado a las 19:16 h.O vindeiro 22 de novembro, catorce novos titulados e tituladas no mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda presentarán no Pazo da Cultura de Pontevedra as coleccións que desenvolveron como traballos de fin de máster (TFM) e coas que optarán aos premios que outorgan a Fundación Bimba y Lola e a Fundación Artesanía de Galicia. O desfile será o acto central da décimo oitava edición de Debut, coa que «se conmemora o vinte aniversario da posta en marcha da formación en moda na Universidade de Vigo». Esta arrancou no curso 2004/2005 co título de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), substituído no curso 2017/2018 polo actual mestrado, adscrito á Facultade de Deseño: «A formación será de feito un dos eixes centrais da programación que complementa este desfile e na que se insiren dez talleres e seminarios dirixidos tanto ao alumnado do máster como do Grao en Deseño», destacaron dende a Universidade.
Esta programación completarase coas conferencias da deseñadora de vestiario Bina Daigeler e do xestor de proxectos de Loewe Enrique de Santiago, así como cunha xornada na que os novos titulados manterán unha serie de entrevistas de traballo. E, como novidade, a exhibición das coleccións no Pazo da Cultura nas dúas xornadas posteriores ao desfile.
A coordinadora do mestrado, Lola Dopico, destacou que se trata dun «programa moi poderoso, con moitísima formación». Pola súa banda, a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, incidiu en que «Debut é, sen lugar a dúbidas, unha mostra de innovación e transferencia e unha oportunidade formativa, ademais dun trampolín laboral para os nosos egresados e egresadas», mentres que o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, puxo o énfase na colaboración entre institucións para impulsar «proxectos culturais e formativos de moitísima calidade».
O decano da Facultade de Deseño, Marcos Dopico, remarcou a «exitosa traxectoria» do título propio e do actual mestrado, así como o feito de que nesta edición o alumnado do Grao en Deseño colabore, por primeira vez, no deseño da imaxe gráfica e na organización do evento.
Os protagonistas
En canto ao desfile, este estará protagonizado por Alba Caballero, Silvia Colombo, Lula de Navasqués, Silvia G. María, Lucía González, Jorge Hurtado, Rubén Mascato, Raúl Rodríguez Mena, Lorena Peiteado, Mercedes Pereira, Luiselena Tilve, Clo Vicente, Alba Vidal e Laura Vidales. «Todos eles son proxectos cunha identidade propia», apuntou Dopico. Engaiud que a pasarela se completará cun segundo bloque no que se presentarán «preto dunha trintena de coleccións máis pequenas», realizadas o pasado curso polo alumnado do primeiro ano do mestrado.