Sito, canteiro que restaura catedrais en toda España: «Terei o ceo gañado con tantas casas que lle arranxei a Deus»
PONTEVEDRA
Este artista da pedra de Pontevedra, que empezou sendo albanel con 16 anos, traballou en máis de corenta edificios relixiosos, cambioulle a cara ao Banco de España de Madrid e rehabilita a capela da illa de Cortegada
01 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hai persoas que son táboas salvavidas; esa axuda á que un pode recorrer nas duras e nas maduras. José Luis Rodríguez Espiño (Xeve, Pontevedra, 1967), ao que lle empezaron chamando Luisito e a cousa acabou en Sito, é deses seres humanos. Non o di el. Cóntano os que o rodean, que saben que cando chaman a Sito sempre está aí. Merecería unha reportaxe só por esa bonhomía que leva na chepa nestes tempos no que cada un adoita ir ao seu. Pero é que este home tamén é un artista da pedra. Non un calquera. Quedan poucas catedrais no norte de España nas que Sito non puxera as súas mans de canteiro, León, Oviedo, Vitoria, Santiago... por non falar das ducias de igrexas e basílicas. Son tantas as obras en edificios relixiosos que Sito, retranqueiro, di: «Imaxino que terei o ceo gañado con tantas casas que lle arranxei a Deus».
Sito, que ten 57 anos e é parte da empresa Rehabilita, ben podía enfilar a xubilación dedicándose a supervisar obras, négase a tal cousa: «Era o que faltaba, eu non sirvo para estar mirando e o resto traballando», di. Así que conta a súa historia coa funda de obreiro posta e por teléfono, dende a illa de Cortegada, onde está rematando a restauración da capela insular. «Atopamos un monte de pedras tiradas, houbo que reconstruír todo por completo... hai uns días viñeron os políticos ver como quedara e non daban creto a que estea a capela levantada, parece que lles gustou», indica. A Sito cústalle botarse flores, falar de onde estivo e das obras que fixo. É moito máis doado que o faga cando se empeza polo principio; polo rapaz de 16 anos que andaba de albanel e deu co mundo da cantería.
Conta que tería uns vinte anos cando, a finais dos anos oitenta, chamárono do INEM para ofrecerlle unha especie de taller, durante oito meses, para aprender cantería. Traballaban na praza da Ferrería, en Pontevedra, onde reparaban as pedras vellas e colocaban outras novas. Había varios canteiros veteranos; artesáns feitos a si mesmos que collían por banda aos rapaces para ensinarlles a petar na pedra. Debéuselle dar ben a cousa, porque de aí marchou para Poio, onde se montou a primeira escola taller de Galicia de cantería.
Foi acabar a formación e de seguido o chamou unha empresa de Burgos que ía restaurar nada menos que a basílica de Santa María en Pontevedra. Corría 1990 e a Sito aínda lle acorda ben o que sentiu ao tocar aquela pedra, a mesma que agora a súa empresa volve rehabilitar: «A verdade é que impresiona, porque son obras de arte. Ser canteiro require paciencia. Non é un traballo que se aprenda nun ano nin en dous... hai que andar con coidado, porque imaxina que xusto cando estás acabando de facer unha peza a rompes», conta. Iso lévalle aos inicios e di cunha gargallada: «O primeiro que tes que aprender é a non petar na man, hai quen bota un mes e non dá. Tes que ter coidado para non desfacer as mans, pero é un oficio que non se aprende mirando, apréndese picando».
Despois de Santa María comezou a viaxar por todo o norte do país para restaurar catedrais e igrexas. Non leva a conta, pero imaxina que traballou en máis de corenta edificios relixiosos. De Tui a Oviedo; ou á fachada de Praterías de Santiago e o mosteiro de Monfero, pasando pola xoia gótica que é catedral de León. Desta última fala impresionando, como se aínda fora aquel rapaz que con vinte anos empezou a tallar pedra: «Para reparar as agullas da catedral traballamos a sesenta metros de altura, nunca tal fixera», explica. Tanta viaxe fixo que cando naceu o seu fillo, o rapaz do que el fala cunha dozura tremenda —«é que é moi bo», sinala—, a el colleuno traballando na catedral de Vitoria: «Cando acabou a obra vin para aquí e metinme de mestre nunha escola taller, pero non me gustou».
De pontes a edificios públicos
Tamén traballou en moitos monumentos públicos, como a ponte romana de Ourense ou o Pazo da Deputación de Pontevedra. Garda moi bo recordo de cando limparon e melloraron a fachada do Banco de España en Madrid: «Estivemos restaurando a balaustrada, o reloxo e lémbrome de baixar eu a bola dourada para que fose reparada abaixo. Viñeron e puxéronlle láminas de pan de ouro de 24 quilates», conta.
A Sito é escusado preguntarlle pola parte non romántica do seu traballo; por estar ao frío e á choiva. «É o que hai», rosma. Iso si, oito horas ao día e punto. Nin un minuto máis; que a vida é moito máis que traballar. Aínda que fora do choio siga dando o callo porque hai moitas fincas que desbrozar no seu Xeve natal ou en Lérez, onde casou e vive dende hai décadas. Tamén ten galiñas. Ou colabora co club de piragüismo de Verducido. Sito traballa a pedra. Sen embargo é todo o contrario a ela; cálido e flexible. Tamén rebulideiro.