Anxo Rabuñal Rey presenta o seu ensaio «O pintor e a vida moderna. Para lermos o Diario de Castelao»
PONTEVEDRA
A cita é na libraría Metáfora o vindeiro venres
10 dic 2024 . Actualizado a las 14:57 h.Coa colaboración da libraría Metáfora, o Ateneo de Pontevedra organiza este venres (19 h.) un relatorio arredor do libro O pintor e a vida moderna. Para lermos o Diario de Castelao, de Anxo Rabuñal Rey e editado por Ediciones del Serbal. Neste acto, con entrada libre ata completar capacidade, o autor estará acompañado por Germán Labrador, profesor, investigador e comisario de arte español.
No relativo a esta obra, dende o Ateneo de Pontevedra precisaron que «Castelao deixou un caderno manuscrito e ilustrado da súa viaxe de estudos polos museos de París, Bruxelas, Gante, Bruxas, Anveres, Colonia, Berlín e Múnic. Este caderno serviríalle despois para preparar artigos para a publicación Nós, debuxos, pinturas, cerámicas e contos nos anos seguintes, alongándose o eco desta viaxe ata ben adiante no tempo, pois vinte anos despois aínda resoa esta viaxe mentres escribe Sempre en Galiza».
Un documento único
Neste punto, consideran que se trata dun «documento único de insospeitada importancia», toda vez que «non sabemos doutro artista que deixara un relato semellante tan extenso e pormenorizado, moitas veces contrariando as tendencias do momento e examinando con suspicacia o mundo artístico, que daquela xa era coma o de hoxe».