Ana Peralba, elixida por unanimidade nova responsable comarcal do BNG de Pontevedra-Caldas
PONTEVEDRA

A nova responsable substitúe no cargo a Iván Bello
24 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A militancia do BNG na comarca de Pontevedra-Caldas vén de aprobar por unanimidade a proposta de candidatura para o novo consello comarcal, que encabezará a até o de agora vicerresponsable Comarcal, Ana Peralba Lourenzo.
A candidatura aprobada está conformada por 25 persoas, ás que se lle engadirán ao final do proceso os responsables locais e de Galiza Nova. O anterior responsable comarcal, Iván Bello, fixo un balance positivo dos últimos tres anos onde a organización tivo que facer fronte a todo un cúmulo de procesos electorais continuados: municipais, xerais, galegas e europeas.
Ana Peralba, agradeceu a confianza depositada pola militancia e quixo ter unhas palabras de agradecemento «a todas as compañeiras e compañeiros que deixan a dirección comarcal polo seu traballo e compromiso», mostrándose segura que, como até agora, «van seguir comprometidas co BNG, traballando para seguir mellorando a organización, ampliando a súa base militante e reforzándoo como alternativa política».
Subliñou que o novo consello comarcal, que acolle as propostas de todas as localidades, é «unha combinación de cargos institucionais, con estudantes, traballadoras xubiladas, xente moza e referentes do ámbito sindical e cultural».
Peralba afirmou que neste período que arranca «o fundamental son as localidades. Temos que comezar xa a preparación do traballo das eleccións municipais, e aproveitar este traballo para reforzar a representación nos concellos, e que este reforzo serva para iniciar a conquista da presidencia da Xunta de Galicia, que lle dea o cambio de rumbo que tanto precisa o noso país».