Enma Pedreira: «Vai habendo unha vaga de necroturismo a nivel europeo »
PONTEVEDRA
A escritora presentou en Pontevedra o seu libro «As horas mortas. Viaxes e conversas por cemiterios galegos»
05 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Organizado pola libraría Paz, o Tanatorio San Marcos acolleu no remate do ano por primeira vez a presentación dun libro, As horas mortas. Viaxes e conversas por cemiterios galegos, a cargo da súa autora, Enma Pedreira, quen estivo acompañada polo sepultureiro Francisco Abuín.
—Que imos atopar ao abrir as páxinas do seu libro?
—Que non imos atopar, mellor dito, porque aquí atopas un pouco de todo. Unha antoloxía de cemiterios galegos, grandes, pequenos, rurais, urbanos, históricos, modernos e, tamén, as historias que nos contan como pobo, a nosa idiosincrasia na nosa relación coa morte e cos rituais da morte.
—Como xurde «As horas mortas»? Como é a súa xénese?
—Foi o resultado dunha decisión nun momento porque o proceso sempre estivo aí. De sempre me gusta pasear por cemiterios. Creo que cando viaxo sempre visito un mercado, unha libraría e un cemiterio porque son os lugares onde podes ver como é a xente, como é unha sociedade. E sempre estiveron aí, sempre foron a miña curiosidade, o lugar onde vou a pensar, o lugar onde hai o silencio de maior calidade. E, de pronto, empezas a mirar e a ler nas lápidas, a fixarte na simboloxía, en toda a arte que hai, que non só hai estruturas, senón que tamén hai escultura, hai pintura, moitas veces, hai literatura, hai historia... Aí hai un pouco de todo. E a cuestión era dicir: «Todo isto está aquí, está sen contar, porque non hai ningún libro que conte os nosos cemiterios, pois haberá que facelo».
—Os camposantos son, quizais, os grandes esquecidos da historia das cidades?
—Non da historia, pero si da protección ao patrimonio. Están terriblemente esquecidos, sobre todo, no medio urbano. Temos cemiterios marabillosos, como no que estiven o outro día, San Amaro, en Pontevedra, que está completamente desbotado por unha falta de compromiso das institucións con esa parte do patrimonio. Si se protexen edificios, castelos, fontes, cruceiros, arqueoloxía antiga, pero esta arqueoloxía da memoria máis recente está totalmente desprotexida. Agora si vai habendo unha vaga de necroturismo a nivel europeo e está empezando a crearse unha conciencia e, grazas a isto, a xente interesase para ir aos cemiterios e saber máis sobre eles.
—Por que un pontevedrés coñece mellor onde está enterrado Jim Morrison en París que quen repousa en San Amaro?
—Porque non llo contaron. Basicamente, Père-Lachaise sempre foi, dende que se fixo, un lugar de deambulación, un lugar de paseo, un museo ao aire libre. Sempre foi musealizado, hai guías, hai actividades, hai planos, hai libros, está inscrito dentro das grandes rutas da cidade, tanto Père-Lachaise como Montmartre. Os grandes cemiterios das grandes cidades están incluídos dentro do patrimonio e do percorrido, e aquí non. Aquí tes que chegar, ler ti o que hai nas lápidas e buscar a información. Ou se tes a sorte de que tes, como teñen en Pontevedra, un sepultureiro marabilloso que xa fixo todo ese traballo e que o dá tan xenerosamente, pois é estupendo porque podes chegar a coñecer a historia máis recente e a máis antiga.
—Que é o que máis lle sorprendeu dos cemiterios galegos?
—A diversidade. Nas catro provincias temos catro maneiras distintas de enterrar á xente e, despois, segundo sexan do interior, de costa, de montaña, do rural... todo é diferente. Na mesma cidade da Coruña, onde hai cinco cemiterios, todos son diferentes entre si. E logo, que para contar a historia empregamos moitísimos recursos e iso estase perdendo, estase perdendo toda a relación que temos coa morte. Estámola botando da casa, botando para fora, os tanatorios están cada vez máis afastados, todo está fora da nosa vista. E tamén a simboloxía. Pero ata a certo momento a diversidade de maneiras de contar a vida dunha persoa no momento que morre son incribles. É impresionante a cantidade de maneiras de contar unha historia que podemos ter nun cemiterio.
—E houbo algo que lle chamara especialmente a atención?
—Pois si. Estou moi impresionada coa cantidade de xente que hai enterrada nos cemiterios de maneira indigna. De todas esas fosas do franquismo que se coñecen e que se saben que están aí, que hai nomes e apelidos e que seguen estando aí. Que hai unha parte dos cemiterios que está como que sen que se poida pisar, que hai unha herba que diz: «Bueno, se isto está todo tan acumulado por todas partes, por que esta herba está tan verde e tan despexada». E é porque aí embaixo hai un bo feixe de persoas que non están enterradas e recuperada a súa memoria con dignidade. Iso impresionoume moitísimo.