O Museo de Pontevedra acolle a estrea dun documental que afonda en Castelao e no Consello de Galiza

PONTEVEDRA

«Consello de Galiza, o goberno galego no exilio», dirixido por Xan Leira, recolle a intervención de históricos galeguistas, pero tamén de personalidades da vida política e cultural
16 feb 2025 . Actualizado a las 11:44 h.Un novo documental centrado na figura de Castelao, nesta ocasión na súa labor ao fronte do Consello de Galiza, será presentado o vindeiro martes, a partires das 18.30 horas, no Museo de Pontevedra. Consello de Galiza, o goberno galego no exilio, de Xan Leira, afonda na historia desta entidade creada na cidade de Montevideo o 15 de novembro de 1944 e constituída, de facto, o 8 de decembro en Bos Aires no fogar de Manuel Puente, empresario galeguista e mecenas de Castelao, e no que participaron o propio Alfonso Castelao, así como Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos e Elpidio Villaverde.
Cunha duración de 45 minutos, no documental interveñen históricos galeguistas coma Lois Tobío, Mariví Villaverde, Rosa Puente, Xaime Isla Couto, Francisco Fernández del Riego, Santiago Carrillo, Elixio Rodríguez e Manuel Martínez Lamela. De igual xeito, participan diversas personalidades da vida política e cultural galega e estatal, Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao, Francisco López, Chesqui, secretario xeral do Partido Galeguista, Iñaki Anasagasti, xornalista e dirixente do PNV, o avogado Xoán Antón Pérez Lema, o historiador Alfredo Erias ou Xesús Manuel Suárez, presidente do Partido Galeguista.

Tras a proxección, que será presentada polo seu director, Xan Leira, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e polo vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, desenvolverase o coloquio Alfonso Castelao, onte, hoxe e mañá, moderado polo xornalista Guillermo Campos e coa participación de Francisco López, Chesqui, Xoán Antón Pérez Lema e a arquitecta Teresa Táboas.