Mellora da contorna fluvial do Lérez

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante a súa visita á senda fluvial do Lérez
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante a súa visita á senda fluvial do Lérez ADRIÁN BAÚLDE

A conselleira de Medio Ambiente valorou a actuación levada a cabo en Pontevedra 

02 mar 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

A Xunta de Galicia vén de recuperar a contorna fluvial do río Lérez, ao seu paso polo Concello de Pontevedra, coa plantación de especies autóctonas de ribeira e a eliminación de invasoras.

Durante un percorrido que realizou este sábado pola senda que transcorre entre a estación de bombeo de Monte Porreiro e a presa de Bora, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que o Goberno galego destinou máis de 250.000 euros á restauración fluvial desta contorna coa plantación de preto dun cento de exemplares de árbores autóctonas de ribeira —bidueiros e sabugueiros— e coa eliminación de especies exóticas invasoras como falsas acacias e mimosas.

En concreto, segundo dixo a conselleira, actuouse nunha superficie de 13,5 hectáreas nun tramo de 3,5 quilómetros co obxectivo de dotar á veciñanza da cidade de Pontevedra dun «espazo de lecer verde moi próximo aos seus domicilios».

Esta actuación forma parte dunha acción máis ampla que, cun investimento de 425.000 euros, se levou a cabo ao paso do río Lérez polos concellos de Pontevedra, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro. En total, recuperáronse 95 hectáreas ao longo de 18 quilómetros. Estes traballos leváronse a cabo ao abeiro do proxecto Mil Ríos.