
A actividade desenvolverase este venres e sábado no Teatro Principal
13 mar 2025 . Actualizado a las 18:34 h.As trece Xornadas sobre o Entroido de Galiza desenvolveranse esta fin de semana á Sala Multiusos do Teatro Principal da man da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e coa colaboración do Concello de Pontevedra. Debatirase a historia e tradición de entroidos galegos como os de Corzáns, Ribadetea, Aguasantas, Xermade e Merza, pero tamén o carnaval de Altsasu cun coloquio co director audiovisual Jon Eguskiza e a proxección documental sobre a recuperación do Momotxorroak.
Deste xeito, dende as 18 horas, este venres intervirán o antropólogo Xerardo Santomé con «As entroidadas de Corzáns: teatro carnavalesco» para continuar con Jonathan Zúñiga, presidente da Asociación cultural e veciñal de Ribadetea, que abordará «Mudados e Perriñas: o Entroido rural de Ribadetea». Acto seguido, o antropólogo Rafael Quintía e Manuel Suárez, da Asociación cultural Entroido de Aguasantas, explicarán «O regreso da Momada: a recuperación do Entroido de Agusantas».
A xornada rematará cunha mesa redonda coa intervención de todos os poñentes. Esta mesma estructura manterase o sábado, día no que Rafael Quintía presentará o seu libro «A boreada das mázcaras. Estudo histórico e antropolóxico dos entroidos tradicionais de Xermade» e no que Belén Guzmán, presidenta da Asociación Cultural Vello dos Cornos, analizará o entroido de Merza.
Antes da mesa redonda e posterior clausura, o realizador audiovisual presentará o documental «Momotxorroak. Historia de un caos».