
Os rapaces da escola de Bértola, acompañados por membros de Vaipolorío, celebraron o Día de Acción polos Ríos
15 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os pequenos da escola de Bértola, en Vilaboa, protagonizaron unha actividade especial, polo Día de Acción polos Ríos e no marco do programa Voz Natura, de La Voz de Galicia. Contaron coa colaboración de dous directivos de Vaipolorío que os guiaron polo río Gafos ata un punto escollido no muíño do Toxal, e onde construíron un refuxio para bechos, que colocaron nunha árbore.
Os principais ocupantes destes hoteis de insectos son abellas e avespas solitarias, que os empregan para construír as celas onde se desenvolverá a súa descendencia. Desta forma, os pequenos aprenderon que estes insectos buscan «todo tipo de buratos e galerías escavadas normalmente en madeira morta por unha gran variedade de xilófagos, sobre todo larvas de escaravellos», explica a profesora Conchita Pérez.
Así pois, agora os nenos saben que non é bo eliminar toda a madeira morta nos bosques, porque «se xera un gran impacto en todas as especies que dependen dela, non unicamente os centros de especies que a descompoñen, senón tamén as que se alimentan destas últimas, como aves, réptiles ou mamíferos de pequeno tamaño».