Marcelina Loup, a curmá directora de cine de Orbil

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

O Cineclube Pontevedra proxectará tres clásicos franceses da animación familiar

19 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos segredos mellor gardados do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra desvelouse este martes pola mañá, momento no que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentaron a Marceline Loup, a curmá francesa do lobo Orbil, no CEIP A Xunqueira 1. Ambos manifestaron estar «encantados de recibir a Marceline que veu para quedar e facer feliz á cativada que cada ano devece por saudar a Orbil».

Pero, quen é Maceline Loup? Dende o Concello de Pontevedra destacaron que a icónica mascota do Salón do Libro ten como curmá a unha directora de cinema oriunda de Francia. Non hai que esquecer que o cinema é a temática desta edición, mentres que Francia é o país invitado dun Salón do Libro que botará a andar este mesmo venres, 21 de marzo. O espectáculo inaugural Luces, cámara, acción... que vén o Salón terá lugar no Pazo da Cultura a partires das 18.30 horas con entrada libre ata completar cabida. Está dirixido por Manuel Albariñas e contará coas intervencións da Xingro’s Bing Band, o Coro do IES Xunqueira 1, V de Minúscula (Noela Hermida e Gabriel Bravo), Ares Caínzos, IES Illa de Ons, ESDEMGA, Mara Iglesias, e como non, Orbil e Marceline.

Ramón Leiro

Ao remate do mesmo terá lugar a tradicional apertura de portas para a visita libre.

Mais, mentres non chega ese esperado momento, os pontevedreses e visitantes poderán gozar da presenza de Orbil e Marceline. Así, se onte pola tarde deixáronse caer pola contorna de Praza de España, este mércores estarán no parque de Campolongo e o xoves na Alameda e parque das Palmeiras.

De igual xeito, e en horario matinal, continuará ata o venres a súa xira de visitas aos centros escolares colaboradores e parroquias de Pontevedra, un percorrido que xa os levou, entre outros puntos, aos CEIPS San Martiño, Álvarez Limeses, Praza de Bacelos, Vilaverde-Mourente, Ponte Sampaio, Froebel, o CEE Pontevedra ou as EEI do Vao e Verducido.

Animación

Por outra banda, e xa no que respecta á programación do Salón do Libro, anunciouse que o Cineclube Pontevedra programará tres matinés de cinema familiar. A fin de consta, a cita deste ano ten como leit motiv a coñecida como sétima arte.

Ramón Leiro

Ademais, e en homenaxe ao país convidado desta edición, Francia, escolléronse tres producións galas que se proxectarán ás 12 horas no Teatro Principal en versión dobrada. O acceso será de balde até completar a cabida.

Así, o 23 de marzo, exhibirase O malvado raposo feroz (Le Grand Méchant Renard et autres contes), filme no que Benjamin Renner e Patrick Imbert adaptan o cómic de Benjamin Renner. Estivo nominada ao Oscar á mellor película de animación gañando o César nesa categoría e o premio Europa Junior no Festival de Sevilla.

Sete días despois, o 30, proxectaras Dilili en París (Dilili à Paris), de Michel Ocelot. Este filme, segundo destacan dende o Cineclube Pontevedra foi «distinguido polo ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales) como especialmente recomendado para o fomento da igualdade de xénero».

Ramón Leiro

Trátase unha película tanto para público adulto como para a cativada: «Mentres esta última goza das peripecias da pequena Dililí (misterios e descubertas, secuestros e probas, lugares extraordinarios e encontros máxicos), ao público adulto cativarao o interesantísimo retrato do ambiente político, social e cultural, a auxe da arte modernista, o nacemento do movemento obreiro ou o activismo feminista», engadiron sobre unha longametraxe que no 2019 acadou o César ao mellor filme de animación.

A terceira das proxeccións programadas desenvolverase o 6 abril da man de O pequeno Nicolás (Le petit Nicolas: Qu’est-ce qu’on attend pour êtreheureux?). Con este filme, Amandine Fredon e Benjamin Massoubre levan ao espectador ao estudio onde Jean-Jacques Sempé e René Goscinny crearon este clásico da literatura infantil e xuvenil nunha obra na que «fala con eles de forma distendida. Sempé e Goscinny cóntanlle como se coñeceron e se fixeron amigos, e tamén responden a preguntas sobre a súa carreira, a súa infancia e as súas ambicións».