A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra programa cinco representacións

PONTEVEDRA

Dende este luns e ata o 16 de maio, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá as cinco representacións que integran o programa da dezaseis Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu). Esta iniciativa permitirá coñecer tanto as montaxes das aulas e grupos dos tres campus da UVigo, como dous espectáculos chegados de Portugal e México.
De feito, a programación arrancará con Quem é ela?, espectáculo do grupo Ladrem, da Universidade do Minho, que conta con dramaturxia de Pedro Galiza. Trátase dunha obra dirixida por Ana Marques, que interpreta un dos papeis que recrean «a historia dunha Ela, que non ten nome, non ten corpo, pero que está presente nestas seis voces, nestes seis corpos», segundo recolle o texto de presentación do espectáculo. Dous días despois, o 7 de maio, poderá verse Luchadoras, de Carla Novi, artista mexicana que aborda o «drama social sobre a situación das mulleres na sociedade mexicana e a violencia á que se enfrontan no seu día a día».
Posteriormente, chegarán Ludovico 2.5, do grupo Maricastaña, do campus de Ourense, o 9 de maio, mentres que o 14 poderá verse Saxo tenor, a montaxe que o Grupo de Teatro de Campus de Pontevedra. A Miteu botará o pano o 16 coa montaxe que a aula do campus de Vigo realizou de Divinas palabras.