O Museo de Pontevedra homexeará o día 8 a Castelao e Virxinia Pereira

La Voz PONNTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Imagen de archivo de visitantes en la Sala Castelao del Museo de Pontevedra
Imagen de archivo de visitantes en la Sala Castelao del Museo de Pontevedra emilio moldes

Será na terceira edición de Contrapuntos, programa de música e memoria do exilio de 1939

04 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación celebra no Museo de Pontevedra o próximo xoves día 8 a terceira edición de Contrapuntos, programa de música e memoria do exilio de 1939. Nesta ocasión estará dedicada ao matrimonio Castelao e Virxinia Pereira. Incluirá unha conversa con Noni Araújo e Pepe Coira, moderada por Beatriz Fontán, e un concerto da violinista Sara Areal, acompañada polo guitarrista Samuel Diz. Será ás 19.00 horas no Edificio Castelao, con acceso libre ata completar a capacidade.

Esta é a terceira edición deste programa, que nas ocasións anteriores homenaxeou ao compositor Salvador Bacarisse e á escritora María Teresa León. A edición deste ano realizarase na mesma xornada fixada como Día de Homenaxe ás Vítimas do Exilio. A elección de Castelao e Virxinia Pereira sitúase no marco do 75 aniversario do pasamento en Bos Aires do intelectual galeguista. Desde o seu matrimonio en 1912, Castelao e Virxinia Pereira compartiron confidencias, loitas e esperanzas. Viviron os avances sociais da Segunda República, sufriron a represión do franquismo e viviron un exilio no que traballaron conxuntamente na construción dunha Galicia asentada en valores e identidade cultural.

 

Fonte de creación artística

A conversa entre o guionista e produtor Pepe Coira e a profesora Noni Araújo abordará a memoria como fonte de creación artística en paralelo á importancia das testemuñas orais na reconstrución histórica. Noni Araujo é unha lembranza viva do compromiso e perseveranza de Virxinia Pereira na preservación do legado de Castelao no Museo, mentres que Pepe Coira ven de achegarse á memoria do matrimonio na creación do guión da película Antes de nós (Ángeles Huerta, 2025), de próxima estrea. A conversa estará moderada por Beatriz Fontán, xestora cultural en proxectos do exilio de 1939.

A continuación, a violinista Sara Areal, integrante da Orquestra Sinfónica de Galicia, fará unha homenaxe musical ao matrimonio cun programa que percorre as constelacións vitais e cardinais de Castelao e Pereira, xunto ao guitarrista Samuel Diz, intérprete e investigador do legado musical do exilio republicano de 1939.