A música de raíz inicia a programación polas Letras Galegas da Deputación de Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Unha decena de concellos pontevedreses acollerán estos obradoiros escolares para coñecer a historia da música galega

06 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Instrumentos da Memoria. Obradoiros escolares sobre a música de raíz é a denominación da primeira das iniciativas coas que a Deputación de Pontevedra conmemorará o Día das Letras Galegas. Trátase, segundo detallou o deputado provincial Jorge Cubela, dunha actividade que busca achegar, entre o 12 e o 19 de maio, a música de raíz, a creación musical autóctona e as tradicións a escolares dunha decena de concellos pontevedreses.

Ramón Leiro

Así, os obradoiros, que durarán unha hora e cuarto, comezarán no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, das Neves, para continuar no CEIP Doutor Suárez, de Fornelos de Montes, e o CEIP Antonio Blanco Rodríguez, de Covelo. Ao día seguinte, desenvolveranse no CEIP Antonio Cerviño, de Campo Lameiro, e no CEIP Plurlingüe de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, mentres que o 14 de maio desprazaranse ao CEIP Plurilingüe de San Roque-Corón, en Vilanova de Arousa, e ao CPI Domingo Fontán, de Portas.

O 15 de maio programouse este obradoiro no CEIP Montemogos de Beluso, en Bueu, e xa para rematar o 19 no CEIP de Soutelo de Montes, en Forcarei, e no CEIP Ramón de Valenzuela, en Bandeira (Silleda).

Ramón Leiro

«Despois duns intensos días nos que demostramos, con feitos como a celebración do Día da Danza e a presentación dos Rías Baixas Film Fest ou do libro cos relatos dos Premios Provinciais de Xuventude, que para este goberno provincial a cultura é un dos eixos de traballo fundamentais, comezamos maio con Instrumentos da memoria. Obradoiros escolares sobre a música de raíz, unha iniciativa que organizamos para festexar as nosas Letras que, neste 2025, dedicamos ás cantareiras e á poesía popular oral», remarcou Jorge Cubela ao respecto dunha programación impulsada pola Deputación en colaboración coa Fundación Legar, un dos grandes referentes no que se refire á conservación e traballo coa música galega.

De feito, o deputado provincial estivo acompañado nesta presentación por Martina Ferradás e Xavier Blanco, representantes desta fundación. Neste sentido, destacouse que estes dez obradoiros que se espallarán por outros tantos concellos da provincia permitirán, a través de representacións musicais didácticas, lúdicas, amenas e participativas, dar a coñecer tanto a historia da música galega, como os instrumentos empregados, algúns con base na natureza e outros mesmo en ferramentas de uso cotiá, e entre outras cuestións, os xéneros musicais autóctonos.

Ramón Leiro

Principal obxectivo

Neste punto, desde a Deputación de Pontevedra destacaron que o seu principal obxectivo é reflexionar sobre a creación musical e as tradicións galegas, implicando aos escolares no proceso de conservación do patrimonio cultural e musical, «algo que tanto nos identifica como pobo, que debemos preservar e que, precisamente, este ano se ten convertido en protagonista das nosas Letras da man das cantareiras», concluíu Jorge Cubela.