Programan visitas guiadas polos edificios do Museo de Pontevedra

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MUSEO DE PONTEVEDRA

12 may 2025 . Actualizado a las 17:31 h.

Con motivo do Día Internacional dos Museos, a Deputación de Pontevedra organiza dúas visitas guiadas polos edificios do Museo de Pontevedra. Baixo a denominación de A ruta do Museo, desenvolveranse o vindeiro fin de semana, sábado e domingo, con saída ás 12 horas desde as Ruínas de San Domingos e é preciso inscribirse antes do venres ás 14 horas no formulario habilitado na web institucional.

O percorrido entrará nas Ruínas de San Domingos, o Edificio Castelao e o Edificio Sarmiento, ademais de visitar o exterior dos edificios Fernández López, Castro Monteagudo e García Flórez.

Os mesmos días 17 e 18, tamén ás 12:00 horas, o Museo ofrece as súas habituais visitas guiadas á colección permanente, que se desenvolven cada sábado e domingo. Teñen unha hora de duración e non é necesaria a inscrición previa.

A programación polo Día Internacional dos Museos complétase coa celebración os días 29 e 30 de maio das cuartas Xornadas de Educación, Museos e Comunidade: Xerando Sinerxías, que reunirá a profesionais de museos, asociacións e colectivos culturais de toda a península, cun programa que inclúe conferencias, mesas redondas, coloquios e presentación de comunicacións.