Pablo Dopazo e Jaime Olmedo presentan as súas curtametraxes no Teatro Principal de Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

NOVOS CINEMAS

16 may 2025 . Actualizado a las 15:15 h.

No marco da sección Ágora do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra Novos Cinemas, este domingo (20 h.) o Teatro Principal acollerá a proxección de dúas curtametraxes galegas recentes: O frío, de Pablo Dopazo, e A roiba, de Jaime Olmedo, quen, curiosamente, tamén participou como director de fotografía na primeira destas pezas audiovisuais. Ao seu termino, ambos directores manterán un encontro cos asistentes.

Esta actividade está «concibida como un espazo de diálogo arredor da creación cinematográfica, favorecendo o achegamento entre cineastas e público». A iniciativa «insírese dentro da vocación de Novos Cinemas por fortalecer o tecido cinematográfico galego e dar visibilidade a proxectos que apostan pola independencia formal e estética».

Pablo Dopazo estudou literatura e filosofía en Santiago de Compostela e Madrid. «Coa intención de desenvolver proxectos que prioricen a independencia artística e outra economía política do cinema, fundou xunto a Anna Kulyk a produtora Nova Industria Films», onde realizou dúas curtametraxes, O frío (2024) e Home que foxe (2025). Na actualidade, prepara a súa primeira longametraxe, Os Salmos, engadiron dende Novos Cinemas.

Pola súa banda, Jaime Olmedo traballa habitualmente como fotógrafo fixo en filmes de ficción e documental, así como desenvolve tamén proxectos persoais no ámbito da fotografía artística. O seu traballo Supoño que estiven alí, centrado no río Lérez, foi a súa primeira exposición individual na Fundación RAC.