
Este sábado desenvolverase unha sesión do programa «Xogade coas motos»
19 may 2025 . Actualizado a las 15:46 h.O programa autonómico Xogade coas motos chega este sábado a Poio posibilitando que máis de corenta rapaces de entre 6 e 15 anos teñan a súa primeira experiencia co manexo das motos de velocidade. Esta iniciativa forma parte do programa Xogade da Xunta de Galicia e conta coa colaboración de VF Timing, da Federación Galega de Motociclismo e dos propios concellos.
Nesta ocasión, a sesión desenvolverase na Seca en horario de mañá e de tarde. A actividade ten como finalidade coñecer «se ao neno lle gusta o deporte do motociclismo, polo que non se trata dunha competición». Así, os máis pequenos terán acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade que serán dirixidos por monitores que valorarán o seu nivel e informarán do mesmo aos pais ou titores.
Polo tanto, trátase dunha primeira toma de contacto que permite que os nenos con inquedanzas polo motociclismo poidan achegarse a este deporte sen que as familias teñan que facer o investimento inicial, así como asesoramento para a súa práctica habitual en escolas, circuítos ou competicións.
Este luns, o alcalde Ángel Moldes, o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, e a presidenta do Motoclub VFM e coordinadora de Xogade coas motos, Sandra Fernández, presentaron unha cita que, no caso de Poio, xa cubriu todas as prazas dispoñibles. Neste punto, o rexedor destacou que no municipio hai moita afección polo deporte en todas as súas modalidades e o motor non é unha excepción, tanto a nivel automobilismo como motocicletas.
Por iso, entende que esta proposta é unha oportunidade moi interesante para seguir promocionando a actividade deportiva e, ao tempo, para que toda a cativada teña as mesmas oportunidades para probar o motociclismo de xeito gratuíto, totalmente seguro, sen competición e sen necesidade de que as súas familias invistan cartos nun equipo sen coñecer o interese real do menor.
Como curiosidade, a diferenza doutras sesións, no caso de Poio hai máis inscricións das habituais entre a rapazada de 6 a 8 anos, sendo o único requisito é que saiban montar en bicicleta. Xogade coas motos organízase en nove concellos de toda Galicia, só dous no caso da provincia de Pontevedra, sendo Poio a primeira parada.