«Apicultores que abandonan e apicultores que loitamos» na batalla contra a velutina

PALOMA. F. GÓMEZ PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Anabel Gulías durante la presentación de la XXXV Feira do Mel de Pontevedra
Anabel Gulías durante la presentación de la XXXV Feira do Mel de Pontevedra CONCELLO

A edición número XXXV da Feira do Mel chega a Pontevedra entre os días 11 e 14

08 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A edición número 35 da Meleira, a Feira do Mel de Pontevedra, vai desenvolverse entre o luns 11 e o xoves 14 fronte á Praza de abastos. Ofrece catro días nos que, ademais do mercado de mel e artesanía, persoas de todas as idades van poder gozar de diferentes actividades. Ás 12.30 horas, nas tres primeiras xornadas, están programadas diferentes catas de produtos galegos: mel, queixos e hidromeles.

Ó longo das catro tardes van pasar pola feira actuacións coma a de Brais das Hortas, galardoado nos Premios da música Martín Codax deste ano, e talleres nos que os asistentes vanse converter en auténticos apicultores. Como actividade a destacar está o Atopa teu mel. Nesta xincana a zona monumental vai estar cuberta de pistas que guiarán ós asistentes ata o premio. Dende a organización tamén recalcan que as persoas que entreguen un dos folletos informativos da feira no seu estand vai recibir «un agasallo asegurado».

A pesar desta celebración, a Agrupación Apícola de Galicia avisa do mal momento que enfronta o sector: «Temos unha climatoloxía que non favorece nada ao desenvolvemento da apicultura, e temos tamén un inconveniente terrible que é a velutina», explica José María Seijo, presidente da agrupación. Esta especie invasora atopa en Galicia as condicións máis favorables de toda España para o seu desenvolvemento. Así, segundo indica Seijo, son moitos os apicultores que están abandonando, pero tamén asegura que moitos deles «loitamos».

Esther Ordóñez, presidenta do Consello Regulador Mel de Galicia e veterinaria da agrupación, aproveitou a oportunidade para poñer en valor a labor que realizan os cerca de 4.200 apicultores e apicultoras galegas: «Son eles os que nos dan estes produtos marabillosos (...), pero a maiores e o máis importante, nos facilitan a polinización». Segundo explica Ordóñez, esta función é algo «que solo poden facer os nosos apicultores, no noso territorio e coas nosas abellas. O mel si se pode importar doutro sitio, pero isto non».

Lembrou tamén que en Galicia «somos a denominación de calidade con máis apicultores, máis mel e máis colmeas». Esta denominación garante que o produto é 100% galego e que cumpre cuns parámetros que lle outorgan unha calidade diferenciada. Pola súa parte, a edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, animou a todo o mundo a pasarse por unha feira que «xa é un evento irrenunciable do verán pontevedrés».