Este domingo desenvolveranse as actuacións das seccións terceira e primeira
20 oct 2025 . Actualizado a las 10:12 h.A partires das 21 horas desenvolverase no Pazo da Cultura de Pontevedra a cerimonia de clausura do XVIII Certame Galego de Bandas de Música Populares na que se contará coa actuación do ensemble Arundo Donax baixo a dirección de David Fiuza. Neste mesmo acto farase entrega dos diplomas e os premios aos colectivos gañadores en cada unha das cinco categorías: infantil, xuvenil e segunda, que se desenvolveron o sábado; e terceira e primeira, que terán lugar este domingo.
Así, a partires das dez da mañá, arrancarán as actuacións da sección terceira na que toman parte as agrupacións Unión Musical de Coruxo, Ateneo Musical de Bembrive, Banda de Música Popular de Tui, Banda de Música Municipal de Padrón e a Unión Musical de Tenorio. Xa pola tarde, dende as 16.30 horas, tocaralle a quenda ás agrupacións da quenda da sección primeira, isto é, a Banda Musical de Loivos, a Banda Musical de São Cipriano A Nova e a Banda Nova de Fermentelos, todas elas de Portugal, así como a Banda Artística de Merza.
O certo é que esta dezaoito edición acada unha das maiores participacións da historia do certame, de xeito que os vinte colectivos que se subirán ao escenario do Pazo da Cultura pontevedrés agrupan máis 1.300 instrumentistas, con idades comprendidas entre os seis e os 87 anos. Ademais, reflectirase o relevo xeracional que se está a producir neste ámbito, xa que un 45 % dos intérpretes son menores de idade e o 75% teñen menos de 30 anos.
Por outra banda, en canto á procedencia das agrupacións, ás formacións galegas, súmanse este ano dúas leonesas, catro procedentes de Portugal e unha de Colombia, reforzando así o carácter internacional do evento.
Retransmisión en directo
Con entrada libre, o Certame Galego de Bandas de Música Populares poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube da Federación Galega de Bandas de Música Populares. Cada unha das banda interpretará tres obras, incluíndo unha peza galega seleccionada de entre as premiadas nas últimas edicións do Concurso Galego de Composición.
Dende a organización destacaron, ademais, o feito de que se contará coas actuacións doutras dúas formacións galegas convidadas: o cuarteto de saxofóns Dextrum Ensemble e o ensemble de vento madeira Arundo Donax.