Elsa Muñiz, pianista: «Tiña un traballo de mestra e decidín deixalo todo pola música»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Xaime Cortizo Fotografía Comunicación Visual

A boirense Elsa Muñiz presenta no Café Moderno o seu segundo traballo «New Beginnings»

16 nov 2025 . Actualizado a las 19:22 h.

A pianista e compositora boirense Elsa Muñiz achegase esta tarde (20 horas) ata o Café Moderno de Pontevedra con New Beginnings —novos comezos—, que non só da nome ao seu segundo traballo discográfico senón que define un novo concepto de espectáculo: o pianotelling. «É unha mestura entre literatura e música porque cada unha das pezas que escribo ten unha historia detrás. Mesturo nos directos narrativa e música interpretando o piano. Non é unha charla, nin un discurso, senón un diálogo emocional co público».

—E o público interacciona con vostede?

—Si, porque tamén fago unha pregunta. Como conto historias que me pasaron a min, pero que son emocións polas que todos pasamos nalgún momento, pois a xente conecta moito máis, vese reflectida nesas historias.

—Estamos a falar de que as composicións parten de historias reais, non?

—Si. Están baseadas na miña vida case todas, menos algunhas que son temas máis universais, como poden ser a guerra ou a saúde mental, pero case que todas tratan momentos da miña vida. Son emocións que se poden extrapolar a calquera persoa, porque todos empezamos de novo nalgún momento, tivemos desenganos amorosos...

Xaime Cortizo Fotografía Comunicación Visual

—Fala de dous temas universais, como a guerra e a saúde mental, que están na actualidade enriba da axenda política, pero ata que punto inflúen nunha artista coma vostede?

—Como artista non podes evadirte da realidade. Por desgraza, as guerras están no día a día de calquera persoa. Se prende un pouco a televisión, ve as noticias ou le un pouco, é imposible que esas imaxes non te impacten e non te sintas conmovida, porque realmente temos moita sorte de vivir onde vivimos. Cando ves esas imaxes, como poden ser as de Gaza, son completamente desgarradoras. Como artista creo que é importante posicionarse neste aspecto. E o tema da saúde mental como artista é moi importante traballalo. Unha vida é unha montaña rusa con momentos moi bos, pero outros tamén moi escuros, polo que é importante visibilizar este tema, que, ás veces, é un pouco tabú. É moi importante darlle voz.

—Segue sendo tabú, pero cada vez menos.

—Si, cada vez fálase moito máis de saúde mental, da importancia de estar ben emocionalmente para poder facer calquera traballo ou para a túa vida do día a día. Unha parte moi importante é estar ben fisicamente, pero tamén mentalmente para poder ter unha vida plena.

—Volvendo ao álbum, por que o título de «New Beginnings?

—Porque é unha etapa da miña vida na que decido escribir este disco que quero comezar de novo. Tiña un traballo de mestra e decidín deixalo todo pola música. Para min é como uns novos comezos, escribir a miña historia comezando de novo dende a música. Esta xira tíñase que chamar como disco porque é un novo renacer na miña carreira, tanto musical como persoal.

Xaime Cortizo Fotografía Comunicación Visual

—Imaxino que foi moi complicado tomar a decisión de deixalo todo pola música?

—Si, claro. Non te vou mentir. Foi moi difícil, pásanche moitas cousas pola cabeza, pero, ao final, cando escoitas o teu corazón e é o que queres facer, e entendes que o momento ten que ser cando ti o sentes, a decisión faise máis fácil, por así dicilo.

—Este é o seu segundo disco.

—Si, o primeiro, Memories, era máis como unha mirada cara o pasado, desde que comecei a compoñer até a actualidade dese disco, até o 2018. Foi un pouquiño un repaso por todos os anos de estudio e de formación, e tamén de vivencias, e tiña un toque un pouco máis melancólico, máis triste. Este ten un brillo especial, o brillo dos novos comezos, aínda que ten pezas de todo tipo, tamén melancólicas e máis tristes, mais hai un pouco máis de conversación entre a claridade, entre o brillo, e tamén os momentos máis duros, máis escuros. É unha viaxe emocional a través da música instrumental para piano que nos guía nun proceso de transformación e cambio ás novos comezos.

—Eses sentimentos tamén están presentes na peza audiovisual «Presentimento», que gravou a finais do 2024?

—Esa peza naceu coma unha homenaxe ao meu pai. A música que está en Presentimento era do meu primeiro disco, Memories. Compúxena en homenaxe ao meu pai porque fala dun presentimento, porque o meu pai faleceu, e dedicábase ao mar. Pensei que a mellor homenaxe era levar un piano ao lugar onde el traballaba. Podía ter un significado simbólico moi importante para recoñecer a súa importancia na miña carreira. Sen o meu pai, que foi un apoio fundamental para que eu puidera estudar música, que é importante recoñecer ás familias que teñen que sacrificar parte do seu tempo libre para levar os fillos ao conservatorio e dedicarlles horas para que poidan estudar.