Culturgal reúne por primeira vez nun escenario a Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade
PONTEVEDRA
Na xornada inaugural, ademais, exhibirase o documental «Ao son da nova regueifa» que se adentra nas voces que están a transformar a regueifa
27 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Culturgal vivirá na xornada inaugural unha noite moi especial co espectáculo (21 h.) que ofrecerán A Pedreira, Faia Díaz e Felisa Segade, tres formas de revisitar, entender e interpretar a canción galega, tres sensibilidades artísticas que se xuntan por primeira vez sobre un escenario. «Xuntámonos nunha triada, un concerto no que Faia Díaz e Felisa Segade revisitan as cancións tradicionais galegas e eu vou coas cancións de Basal, que beben de ingredentes do patrimonio inmaterial noso e doutros lugares», remarcou A Pedreira.
Faia Díaz mostrouse convencida de que «será unha gran ocasión para escoitar as cancións de Alvela, un traballo no que profundiza na súa exploración da música tradicional galega desde unha perspectiva contemporánea e moi persoal». No caso da actuación de Felisa Segade, esta «non deixará a ninguén indiferente».
As entradas, á venda por só 10 euros en www.cultur.gal.
Improvisación galega
Entre as numerosas citas desta xornada inaugural, este venres pola tarde, Undodez presentará o documental Ao son da nova regueifa. Trátase dunha «viaxe audiovisual ao corazón da improvisación galega», de tal xeito que a peza «mergúllase na tradición oral contemporánea para seguir as voces que están a transformar a regueifa e a devolverlle presenza pública nun momento de renovación desta arte».
Dirixido por Saúl Rivas e Manolo Maseda, con realización de Jairo Iglesias e Adolfo Fernández, percorre Galicia de norte a sur para retratar as novas xeracións que están a redefinir a improvisación oral. «O resultado é un relato coral no que música, comunidade e creatividade se entrelazan para ofrecer unha fotografía viva da regueifa hoxe», destacaron precisando que, antes da proxección, terá lugar un faladoiro no que os directores do proxecto, Xosé A. Touriñán e representantes das entidades colaboradoras compartirán o proceso de investigación e rodaxe.
Xornalismo cultural
Xa o sábado, entre as 11 e as 13 horas, desenvolverase o Encontro de xornalismo cultural coa participación de Marta Gómez, Ana G. Liste, Tamara Montero, Ramón Rozas, Iolanda F. Casal, Sandra Carnota, Sonia Díaz, Alejandro Espiño, Susana Regueira e Carme D. Prol.