Culturgal, o altofalante que fai de Pontevedra a capital cultural galega
PONTEVEDRA
A edición deste ano bate récords de actividades ao longo da fin de semana
29 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Culturgal alcanzou a maioría de idade e fíxoo inaugurando este venres no Recinto Feiral de Pontevedra a súa edición máis ambiciosa. Por diante, tres días nos que se desenvolverán máis de 225 actividades para, en palabras do director deste evento, Camilo Franco, «mostrar a forza creativa de Galicia, que está nun momento inmellorable».
De feito, o conselleiro de Cultura, José López Campos, incidiu precisamente na amplitude desta oferta, que bate récords de actividade, ao tempo que subliñou o papel da feira como avance cara á sociedade e ao propio sector dos novos proxectos galegos e en galego que protagonizarán a temporada cultural no 2026. Isto determina que este espazo sexa «cada ano unha das máis agardadas citas da cultura galega», ao tempo que remarcou que «a identidade cultural de Galicia é unha riqueza colectiva que medra co esforzo e o talento de quen traballa no ámbito creativo».
O certo é que toda a industria cultural galega está, dunha maneira ou outra, representada no Culturgal que, deste xeito, se transforma non só nun escaparate das novidades culturais do vindeiro ano, senón tamén mostra o camiño, a senda que están a seguir as diferentes artes e como vislumbran o futuro, máis o menos, inmediato. Isto fai que iniciativas como Culturgal contribúan a «que o noso tecido cultural gañe en visibilidade e estabilidade para avanzar con firmeza», engadiu López Campos.
Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores non o dubidou á hora de sinalar que o Culturgal amosa «a potencia da cultura galega en toda a extensión». «Que Cultugal estea en Pontevedra non é unha casualidade. É porque este Concello aposta de xeito decidido polo investimento en cultura, que nunca debería verse como un simple gasto», engadiu o rexedor.
Outras intervencións
Na inauguración desta edición tamén interviron o presidente da Asociación Culturgal, Víctor López, quen se amosou satisfeito «do que medrou e en que se converteu Culturgal nestes dezaoito anos», así como Juan Francisco Melgar, director de Centro de Coordinación de Industrias Culturales do Ministerio de Cultura, quen destacou «o interese polas actividades culturais que hai en Galicia». Pola súa banda, Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, expresou a «necesidade de cultura que ten a sociedade actual».
Literatura, música, teatro, cine, danza, arte contemporánea, baile, maxia? convivirán ata o domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra. En total, estímase que pasarán por este espazo máis de 750 artistas e outros profesionais das distintas industrias culturais galegas.
Na xornada inaugural, ademais do espectáculo protagonizado por tres grandes voces femininas da canción galega que encheron o escenario do auditorio —Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade—, os asistentes tiveron ocasión de presenciar a estrea do documental Ao son da nova regueifa, acudir a presentación de O cancioneiro galego-portugués que, ilustrado por Andrés Meixide, foi recompilado por Domingo Blanco e Carlos Nogueira, gozar dunha demostración en directo de fútbol gaélico ou achegarse as novidades do mundo do circo, tanto no que se refire ao espectáculo como o relativo ao estatuto do artista que impulsa o Ministerio de Cultura.