Improvisación, humor e música en directo para pechar esta segunda xornada

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

29 nov 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

A programación do Culturgal continúa este sábado, que se pechará co espectáculo Moito Conto (21 horas), «proposta escénica que combina humor, improvisación e música en directo, e que ofrecerá ao público unha noite chea de ritmo e sorpresas». Deste xeito, Xosé A. Touriñán será o encargado de conducir o encontro escénico, no que participarán David Amor, Patricia Castrillón, Marita Martínez e Pablo Meixe.

Ademais de monólogos, xogos cómicos e momentos de improvisación, a música en directo terá tamén un papel protagonista da man da Galifunk Brass, que acompañará ao longo de toda a función, contribuíndo a crear unha atmosfera festiva co seu son e enerxía.

Previamente, ás 20 horas, o escenario principal do Recinto Feiral será ocupado por Magín Blanco. O seu concerto Percorrido supón o seu retorno á música para adultos.

A nivel literario, entre as diferentes propostas desta xornada, Kalandraka, a partires das 18 horas, festexará no Culturgal os vinte anos da súa colección Do berce á lúa coa presenza do ilustrador Óscar Villán acompañado polo músico Paco Nogueiras. Ás 20 horas, ten programada unha charla con Lourdes Álvarez, autora de Cos sinais da auga e quen dará un recital ás 12 horas. Unha hora despois o autor Xosé Cobas, o escritor Manuel Rivas e o xornalista Ramón Rozas presentarán Soño dunha sombra.

Suso de Toro e Manuel Rivas

Posteriormente, a partires das 19 horas, poderase asistir a unha conversa entre o propio Manuel Rivas e Suso de Toro organizada por Xerais, mentres que o marinense David Gago firmará exemplares da súa nova novela, La morgue flotante, ás 11 horas no stand da Asociación Galega de Escritores.

Pola súa banda, O Concello de Pontevedra participa cun stand propio que funcionará como antesala e presentación temática do Salón do Libro 2026 programando ás 12 horas Contos Dakí, con Bea Campos, e, ás 17, Contos con miga, con Carlos Yus, de Migallas.

De igual xeito, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia impulsa, ás 11 horas, un Encontro de xornalismo cultural que reunirá algunhas das principais voces da información sobre cultura da nosa comunidade.