Culturgal pechou a súa edición do 2025 con máis de 16.100 asistentes

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Unha das actuacións deste domingo en Culturgal
Unha das actuacións deste domingo en Culturgal Ramón Leiro

O Festival das Culturas Galegas quere abrirse a novos espazos de Pontevedra o vindeiro ano

01 dic 2025 . Actualizado a las 12:02 h.

Culturgal pechou este domingo a súa edición do 2025 cun balance de asistencia moi satisfactorio, xa que a media tarde, cando aínda faltaban máis de dúas horas para o peche, superábase a cifra de 16.100 persoas que tiñan pasado polo Recinto Feiral de Pontevedra desde o pasado venres.

O director de Culturgal, Camilo Franco, valorou que esa elevada cifra asistencia «avala a forte aposta pola programación deste ano, máis ampla e de maior calidade en todas as disciplinas da cultura». «Ano a ano —engadiu— damos pasos para atraer novos públicos, cunha oferta diversificada e iniciativas como o Teatriño e os espazos para a banda deseñada, o cine e a arte contemporánea, o circo ou o videoxogo galego».

Nesta edición houbo momentos de gran afluencia, como o sábado pola tarde, cando todos os escenarios e espazos do Pazo da Cultura estaban cheos para asistir aos adiantos teatrais, concertos, a Festa dos Clubs de Lectura, a loita de debuxantes, ou o último do circo galego.

Ademais houbo 500 persoas no espectáculo Moito Conto do sábado pola noite e o domingo foi protagonista Bibopalula. O espectáculo, a programación infantil e a homenaxe a Begoña Caamaño nas voces de Ana Romaní, A Pedreira e Mónica Caamaño, que serviu como punto de partida das celebracións vinculadas ao Día das Letras Galegas 2026.

Na xornada de peche consolidouse o Ven e Baila, unha iniciativa para gozar e reivindicar o baile e a danza posta en marcha o ano pasado. Centos de persoas asistiron ao espectáculo de Fran Sieira Un baile ceibe e bailaron da man de Artur Puga.

Esta edición serviu tamén para comezar outra aposta que a organización potenciará no 2026, como o concerto de benvida do pasado xoves a cargo de Uxía e o de peche que ofreceu Óscar Ibáñez no Teatro Principal. «Queremos levar o Culturgal por outros espazos da cidade de Pontevedra durante o mes de novembro, sobre todo aos espazos que non teñen acceso habitualmente aos espectáculos culturais», apuntou Camilo Franco.

O Festival das Culturas Galegas pensa xa nunha próxima edición «para afondar neste obxectivo de poñer en contacto as diferentes culturas de Galicia e ampliar os horizontes, ó tempo que conseguimos que a veciñanza de Pontevedra cruce o río estes días para vir a Culturgal», rematou Camilo Franco. Unha edición na que a literatura compartirá de novo protagonismo coa cultura dixital, a arte, a música, a ilustración, o teatro, o humor, o baile ou o cine, sen pechar a porta a novas disciplinas.