Daniel Froiz, director executivo de Novos Cinemas: «Aos produtores gústanos traballar máis na sombra»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Daniel Froiz, no transcurso da presentación desta edición de Novos Cinemas
Daniel Froiz, no transcurso da presentación desta edición de Novos Cinemas LÓPEZ PENIDE

O tamén máximo responsable de Matriuska móstrase convencido de que «chegar aos dez anos para min é un asentamento absoluto, sei que vai haber uns vinte, uns trinta e uns corenta e nove anos de Novos Cinemas»

09 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Botando a vista atrás, Daniel Froiz, director executivo de Novos Cinemas, recoñece que, tras dez edicións, «cando empezamos sempre houbo outras iniciativas da posibilidade de festival e sempre tíñamos ese medo de preguntarnos: ‘Isto lograremos asentalo?’ Chegar aos dez anos para min é un asentamento absoluto, sei que vai haber uns vinte, uns trinta e uns corenta e nove anos de Novos Cinemas. Faime mirar cara o futuro para facer crecer cada vez máis ao festival e vai haber moitas máis edicións».

—Podería imaxinar naquela primeira edición chegar a unha décima?

—A verdade é que nesa primeira edición, nesas primeiras edicións, eu, que veño da produción cinematográfica, crin que un festival tería moito que ver coa produción cinematográfica, pero como organización, como evento é totalmente diferente. Hai cousas que teñen que ver máis con outro tipo de cousas, como facer concertos, entendo, que co meu oficio. Entón, nos primeiros anos traíanos tolos só pensar en cada edición, en como organizar, en como ir formando toda a estrutura do que é hoxe festival... Con Suso Novás e Ángel Santos, que me gusta recordalo porque fixemos entre os tres o que realmente é a esencia do que agora facemos, que agora xa o facemos un pouco máis de corrido porque xa o temos máis claro, pero daquela custaba moitísimo sequera pensalo.

Daniel Froiz, no transcurso da presentación desta edición de Novos Cinemas
Daniel Froiz, no transcurso da presentación desta edición de Novos Cinemas LÓPEZ PENIDE

—E que se sinte ao programar nesta edición unha película de Ángel Santos?

—É verdade que desde o meu traballo participo menos na programación, pero é verdade que xusto nas clausuras e nas aperturas estamos todo o grupo pensando nelas e para nós é moi importante que este ano estean Anxos Fazáns e Ángel Santos. Son xente coa que eu traballei, que seguen con nós e que estean aquí aperturando e clausurando o festival, non por traballar con nós, senón porque son pedazo de películas. Anxos estreou no Tallinn Black Nights Film Festival, que é un festival clase A, e Ángel ven de gañar en Xixón o premio ao mellor director. Son dous peliculazas que son de aquí. É incrible que podamos facer isto.

—Costa sorprender cada ano ao público?

—Creo que Novos Cinemas ten ese feito de traer pelis moi diferentes, pelis que non son mainstream, que non están habitualmente nas carteleiras, que son pelis máis sinxelas e creo que por iso sempre hai algo de sorpresa. Tamén porque ás veces xogamos á contra e, de repente, traemos filmes que, ao mellor, se acercan máis ao que ven habitualmente nas plataformas e nas taquillas. Tentamos xogar sempre para dar con esa sorpresa.

Daniel Froiz, no transcurso da presentación desta edición de Novos Cinemas
Daniel Froiz, no transcurso da presentación desta edición de Novos Cinemas LÓPEZ PENIDE

—E cal sería a sorpresa desta edición? Que destacaría?

—Non sabería dicir. Creo que aí mellor Suso [Novás] para os seus destacables. Eu o que si que resalto é esta aposta por esta clausura e esta apertura, e ese Foco que facemos a unha produtora, Un Puma, coa cal eu me sinto identificado. Estes serían os destacables para min.

—Como produtor en Matriuska, ás veces, o seu traballo está máis na sombra, non?

—Si, pero iso está ben. Gústanos. Os actores, as actrices, os directores, as directoras... están un pouco máis avezados niso de cara ao público e a nós gústanos traballar máis na sombra e que siga.