Belarmino, o home bonachón que sabía falar o latín dos canteiros

CERDEDO-COTOBADE

Finou en Cotobade, con 79 anos, un mestre da pedra que axudou a reconstruír Luxemburgo trala Segunda Guerra Mundial
27 sep 2025 . Actualizado a las 19:47 h.Morreu Belarmino Villanueva en Augasantas, Cotobade. E con el marcha outro anaquiño da Galicia dos homes da pedra e o seu latín, que el ben dominaba. Porque Belarmino foi canteiro coas mans toda a súa vida e bonachón co corazón. Emigrou, volveu, traballou e traballou e non parou nin cando se xubilou. Porque se algo tiña claro este home é que o día que non puidera ser un fervello e ir de aquí para alá, coleccionando ferramentas, tocando a percusión ou esculpindo pedra, prefería non seguir aquí. Marchou, finalmente, con 79 anos e o cariño da familia e dos veciños. «Un home irrepetible», dixo del o alcalde de Cotobade.
Belarmino, en realidade, era natural de Meis. Pero emigrou novo a Francia e despois a Luxemburgo. Alí fixo un traballo que pasou á historia: axudou a reconstruír, coas súas mans de canteiro galego, as feridas que deixara na pedra de toda a cidade a Segunda Guerra Mundial. Estaba orgulloso diso. E de como buscara a vida polo mundo. Pero recoñecía que nunca lle pesara volver.
Porque aquí tiña á súa muller, a Divina, e a un fillo que xa nacera. A familia completouse despois cun segundo rapaz. E afincáronse na parroquia de Augasantas, nunha casa que Belarmino amosaba con ledicia para mostrar o hórreo ou o vertedoiro de pedra mentres Divina facía filloas. Porque, como el tan ben contaba, a súa dona é «a mellor filloeira do mundo».
Tivo unha segunda xuventude cando se xubilou grazas aos netos. Meteunos nunha agrupación tradicional e a percusión acabou atrapándoo a el. Estivo nos Afoutes e nos Catro ventos. Gustaba de aprender, como cando xa sendo un mestre canteiro foi igual á escola de cantería. E gustáballe e contar. O que non desvelaba era o que dicía no seu latín dos canteiros.