Abre o domingo unha tenda nunha aldea de Negueira de Muñiz cun concerto da Quenlla

suso varela lugo / la voz

PONTE CALDELAS

25 abr 2012 . Actualizado a las 06:57 h.

Nos tempos que corren que haxa persoas que se decidan a abrir negocios no rural e ademais en lugares como Negueira de Muñiz non é nada habitual. Tres socios, da zona de Ponte Caldelas e que levan sobre un ano vivindo no concello da montaña lucense, decidiron un día montar unha tenda rural con produto ecolóxicos na aldea de Cancio, en Negueira de Muñiz.

A tenda, unha cooperativa, abre este domingo cunha serie de actos culturais, xa que a idea da empresa é que sexa non só un lugar de compras senón de encontro de actividades e de fomento do cooperativismo entre os veciños, como explica unha das súas socias, Raquel Freixeira.

Este domingo 29, a partir das cinco da tarde, haberá unha charla sobre a historia do río Navia e o problema que causan os encoros, haberá a proxección dos documentais Río Ibias, río negro e de Naviegos, e outros arraianos, e finalmente a actuación musical do grupo A Quenlla.

Bar-restaurante

Nun principio, sinala Freixeira, a cooperativa abre a tenda, pero no futuro queren formar un bar-restaurante, xa que apenas hai este tipo de establecementos no municipio «e cada vez hai máis visitantes, sobre todo no verán», sinala.