A edición dun disco folclórico, punto de partida da programación da Deputación de Pontevedra cara as Letras Galegas

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTE CALDELAS

Ramón Leiro

O Torreiro de Forzáns recompilou unha decena de temas da tradición oral en «Os seráns do Verdurgo-Oitaven»

25 feb 2025 . Actualizado a las 09:55 h.

Coa edición dun disco recompilatorio da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns, en Ponte Caldelas, a Deputación de Pontevedra arrancou «a programación que imos levar a cabo co gallo das Letras Galegas deste ano, que están dedicadas á poesía popular oral, na que figuras como as cantareiras e as pandeireteiras teñen un papel fundamental». En paralelo, a publicación deste disco, que foi presentado este luns e leva por título Os seráns do Verdugo-Oitavén, contribuirá, en palabras de Jorge Cubela, deputado provincial de Cultura, «a manter viva unha das tradicións orais máis importantes que temos na provincia e en toda Galicia».

Ramón Leiro

Neste traballo discográfico, O Torreiro de Forzáns, que recibiu unha achega provincial de dous mil euros, «recolle unha escolma de cancións da tradición oral da música que estas mulleres e homes veñen practicando, difundindo e poñendo en valor por toda a comarca». A subvención outorgouse no 2024 no ámbito da liña de axudas provinciais á edición de obras en galego para a difusión de traballos de interese cultural, mentres que a convocatoria deste ano está en marcha cun orzamento de cen mil euros, dez mil máis que na anterior anualidade. «Grazas a esta colaboración, estamos poñendo o noso gran de area para que esta importantísima tradición popular e oral da nosa cultura non esmoreza ao caer no esquecemento», concluíu Jorge Cubela.

Ramón Leiro

Pola súa banda, o presidente do Torreiro de Forzáns, Antón Xil, remarcou que a asociación botou a andar hai quince anos, ao tempo que agradeceu á Deputación a súa sensibilidade cara «esta demanda que nós tiñamos de recompilar estas cancións, as cantigas de tradición oral que este ano se homenaxean con motivo das Letras Galegas e que para nós parécenos unha labor moi importante». Na súa intervención coincidiu con Jorge Cubela en que o disco «é unha homenaxe, sobre todo, á tradición oral da nosa comarca, da comarca do Verdugo e, sobre todo, unha homenaxe a aquelas persoas que atesouraron durante moito tempo esa tradición oral».

Ramón Leiro

Neste marco, lembrou á figura de Aurea Adán, cantareira de Laxoso, «que foi socia nosa e unha adiantada ao seu tempo na loita que levou para reivindicar e facer dignamente a tradición oral que representan estas cantigas, estas cantigas». De igual modo, Antón Xil reivindicou os seráns como «manifestacións populares do noso folclore» nas que participan agrupacións como O Torreiro de Forzáns.