
Á calebración do Día las Letras Galegas de hoxe sumarase mañá o do Día dos Museos, ofrecendo un programa tan amplo como variado
17 may 2016 . Actualizado a las 05:05 h.Pontevedra vivirá hoxe dous días nun. Se se suman, dan un resultado único: o da cultura galega. Escríbese con todas as letras, todas as disciplinas e todos os protagonistas de Galicia divididos en dous: o Día das letras Galegas e o dos Museos. Entre as propostas dun e doutro, a cidade do Lérez ten por diante un amplo abanico de actividades para todas as idades e gustos. A primeira partirá cedo -ás 10.30 horas- do centro sociocultural de Xeve cara á fervenza da Freixa, onde, tras a camiñada, os asistentes poderán gozar da lectura de varios poemas de Manuel María e doutros autores. A organización, a asociación sociocultural SondeXeve -que non require de inscrición previa, aconsella levar roupa e calzado axeitados. Media hora máis tarde dará comezo a homenaxe sobre taboleiro branco e negro. A asociación de veciños Santa María e a Escola de Xadrez de Pontevedra iniciaranse varias partidas simultáneas na praza de Santa María.
Á tarde, ás 19 horas, as actividades paralelas darán paso aos actos máis poéticos da xornada, que se abrirán co recital homenaxe a Manuel María a cargo da poeta Eva Méndez do Roxo e a actuación da Coral Airiños de Campañó na igrexa de Santa María de Xeve. E, pouco despois, ás 19.30 horas, un acto popular organizado pola asociación sociocultural O Burgo en homenaxe á figura á que se adica este ano o Día das Letras Galegas converterá a praza de Curros Enríquez no eixo dos actos conmemorativos. O recital poético -ao que asistirá o alcalde, Miguel Fernández Lores- estará acompañado da actuación da Coral Polifónica de Sobradelo, do Coro da Asociación sociocultural O Burgo e da Banda de Música de Pontevedra.
Tamén o cinema colarase na celebración da cultura galega a través de Patrimonio habitado (Illa Bufarda, 2016), que o Cine Clube proxectará ás 20.15 horas no Teatro Principal con entrada de balde.
A última das artes que lembrará a Manuel María será a música. O Concerto das Letras contará ás 20 horas no Pazo da Cultura coa Banda de Música de Salcedo.
Os museos
A cultura que se disfruta en soporte tamén está mañá de aniversario no Día dos Museos, que este ano ten por lema Museos e Paisaxes Culturais. A xornada de portas abertas no CITA -de 11 a 21 horas-, os pontevedreses poderán participar dunha actividade que pretende «achegar á cidadanía a relación entre o patrimonio artístico da cidade e os fondos da institución museística». Da Cidade ao Museo engloba unha serie de percorridos guiados dende mañá ata o venres. Na Noite dos Museos, o sábado, o Sexto Edificio e o Edificio Sarmiento permanecerán abertos ata media noite.
Afundación, pola súa banda, ofrecerá unha visita guiada ás 19.30 horas pola Memoria gráfica da emigración española, na sala de exposicións do Café Moderno.