Victoria García: «Sempre me gustou escribir, sempre tiven esa necesidade»

PONTEVEDRA CIUDAD

CAPOTILLO

A pontevedresa publica da man de Hércules de Ediciones o seu primeiro conto con ilustracións de Laura Cortes

09 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia de As formiguiñas filandeiras, opera prima de Victoria García, xurdiu cando hai uns anos facía unha substitución nun colexio. «Un día tocoume quedar con varias clases de infantil a última hora e eu son mestra de primaria. Víaos tan pequerrechiños e parecéronme como formiguiñas. Por motivos organizativos, houbo que xuntar varias clases nun aula e para eles foi unha festa. Eles non me coñecían e eu non os coñecía. Cando foi a hora de marchar non me estaban facendo demasiado caso que digamos e ocorréuseme contar un conto dunhas formiguiñas que eran moi pequerrechiñas e podían ser esmagados por outros animais más grandes do bosque e así naceu tamén o tiqui-tiqui, que é o que fan os formigas filandeiras cando teñen medo. Cando me din de conta estaban todos os nenos de infantil facendo o tiqui-tiqui», relata esta pontevedresa asentada no Morrazo.

-O libro está recomendado para idades moi cedas...

-Si, pero está funcionando moi ben con nenos un pouquiño máis maiores, que empezan a ler sós. Está gustando moito.

-A historia fala do traballo en equipo, da necesidade de cooperar uns cos outros. Como se traslada esta idea aparentemente tan adulta a uns nenos?

-Trasladase a través da metáfora. Son unhas formiguiñas tan pequenas que dunha en unha poden ser esmagadas ou comidas, pero que cando se xuntan facendo unha ringleira parecen unha serpe e conseguen librarse dos perigos estando xuntas. A idea é que moitos seres pequeniños cando se xuntan poden acadar grandes cousas.

-O libro saíu en tres idiomas: galego, castelán e catalán.

-Si. Eu estivera vivindo en Cataluña e falo catalán. Cando me propuxeron publicalo e falei con Hércules e coa miña editora, Laura, propúxenlles que me gustaría editalo tamén en catalán porque é un idioma no que me sinto suficientemente cómoda. Tíñamos esa posibilidade e parecíame bonito.

-Ao ser un libro ilustrado, tanto peso ten o texto como as ilustracións?

-Totalmente. Neste sentido estou moi contenta de que a ilustradora, Laura Cortes, enseguida entendeu o que había detrás da historia. Sentiuse moi identificada co conto e sempre dixo que, dende o primeiro momento, conectara co conto. E iso nótase. Todo o mundo dime que esteticamente é moi bonito, moi riquiño.

-Polo que teño entendido, a pesar de ser a súa opera prima, leva escribindo contos case que toda a vida?

-(Risas) Como sabe iso? Como o sabes? Si, a verdade é que sempre me gustou escribir, sempre tiven esa necesidade. Ao mellor non eran contos, eran textos máis persoais, pero sempre estou escribindo. Se puidese, encantaríame continuar publicando e, de feito, sempre vou apuntando as ideas que se me ocorren por si nalgún momento se puidesen converter en novos libros.