A homenaxe a Bóveda quere deixar de ser «a rutina de cada 17 de agosto»

Rodrigo Cumbraos / S.B. PONTEVEDRA LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Por primeira vez un membro dun goberno da Xunta do PP asistiu en Poio ao acto central do Día da Galiza Mártir

18 ago 2023 . Actualizado a las 18:18 h.

«Eu estou encantado de estar aquí como representante da Xunta», dixo Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Educación, cando se lle preguntou polo feito de que por primeira vez un representante dun goberno autonómico do PP asistiu aos actos do día de Galiza Mártir. A Xunta soamente estivera representada nos tempos do bipartito, onde era habitual a presenza do vicepresidente, Anxo Quintana (BNG).

Neste 17 de agosto cumpríronse 87 anos da morte do galeguista Alexandre Bóveda, e Rodríguez acaparou miradas. «É a primeira vez que nos invita o Concello dende unha perspectiva formal», engadiu o conselleiro. Hai que lembrar que o PP goberna en Poio dende o pasado mes de xuño. O titular de Cultura tamén aludiu a que grazas á «moi boa relación» que a Xunta mantén coa Fundación Bóveda «fomos capaces de traer a Pontevedra A derradeira lección do Mestre, o cadro de Castelao, dende Bos Aires». «Máis alá da nomenclatura política concreta —concluíu—, creo que é un acto onde temos que reivindicar a liberdade, a democracia e a tolerancia».

Nunha mañá calorosa en A Caeira (Poio), onde foi fusilado hai case noventa anos Bóveda, reuníronse no monumento levantado na súa honra diferentes personalidades da esfera política e cultural. Estaban os alcaldes de Poio, Ángel Moldes (PP), e Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), xunto co vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez (PP).

A demanda máis repetida foi a de conseguir que o 17 de cada agosto non sexa un día perdido no deserto, senón que Bóveda «estea nas responsabilidades de cada día, para que teñamos na nosa memoria o recordo dos mártires», dixo David Otero, vicepresidente da Fundación Bóveda.

Un dos momentos máis sentidos protagonizouno o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, pechando a súa intervención co recordo do último discurso do rianxeiro. «Nese discurso, Castelao deixa o seu testamento e fala de 66 persoas importantes ou transcendentes na historia de Galicia. ¿Quen pecha o discurso? Alexandre Bóveda».

No acto entregouse o Premio Galiza Mártir, que recibiu o historiador cercedense, Calros Solla Valera, que fíxoo extensible a todo o colectivo Capitán Gosende. Solla utilizou o seu discurso para facerlle unha petición ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López. «Solicítolle ao presidente da Deputación de Pontevedra que interceda sabiamente para que Jorge Cubela —alcalde de Cerdedo-Cotobade e diputado provincial— faga cumprir as leis de Memoria Histórica e Memoria Democrática naquel territorio. Son 35 inmobles que aínda exhiben a ilícita e abominable simboloxía fascista».

Tras este discurso, as diferentes personalidades fixeron unha ofrenda floral e o acto renatou co himno galego, nun momento moi emotivo.