Anxo Xesteira saca o seu primeiro disco en solitario: «Sempre fun contracorrente de todo»
PONTEVEDRA CIUDAD
O cambadés vira ao pop e inspírase en Sabina, Serrat, Tom Waits ou Billy Joel, nomes que lle quedan moi lonxe á xeración Z
18 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Leva vinte anos tocando e ten só 25. Co bisavó, avoa e pais músicos, Anxo Xesteira Serrano estaba chamado a vivir rodeado de instrumentos e harmonías e así foi facéndose un nome e un currículo que para si quixeran moitos veteranos. Xunto co seu irmá Roi, un ano menor ca el, perdeulle o medo ás alboradas e aos escenarios desde pequeno con Os Xeitosiños e a Banda de Música de Castrelo. Continuou a súa formación académica no conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra e obtivo o grao profesional de acordeón, aínda que domina moitos máis instrumentos: guitarra, piano, contrabaixo, gaita, percusión e voz, porque Anxo tamén canta.
Con estas capacidades dálle a todo: música clásica, tradicional, coral, pop... así foi que chegou a tocar na Xove Orquestra Filarmónica da Cidade de Pontevedra, a Coral Polifónica da mesma cidade, a orquestra barroca do conservatorio, nun ensemble de frautas traveseiras, na Orquestra Son De Seu, nos grupos Treixadura, Maravallada e Os Xesteira —este último conformado polos seus pais Xaquín e Esther e o seu irmán Roi— e tamén atreveuse co teatro colaborando con Migallas: «Celebraban o seu trinta aniversario e eu tiña 23 anos», apunta.
Faltáballe un disco propio e xa o ten. A palabra perfecta pode atoparse en plataformas como Spotify, Youtube ou Amazón e en febreiro poderá escoitarse en formato físico. Sopesou lanzalo en vinilo, agora que está tan de moda o retro, pero finalmente decantouse polo cedé, porque, explica, é un formato máis accesible para os mozos. Non todos os rapaces teñen hoxe en día un tocadiscos como o que non faltaba nas casas nos anos setenta e oitenta. De tódolos xeitos, Anxo sabe que a xeración Z non é o seu público potencial. Á hora de compoñer, bebe de Sabina, Serrat, Tom Waits e Billy Joel, nomes que lle quedan moi lonxe á xente da súa idade, pero tampouco lle preocupa. «Sempre fun contracorrente de todo».
Refírese a que a súa xuventude non foi como a dos seus amigos da escola e do instituto. Seu pai, Xaquín Xesteira, —un dos referentes da música tradicional galega— levábao a el e ao seu irmán ás festas e concertos nos que tocaba, así que Anxo creceu rodeado de adultos e escoitando as conversas dos maiores. «No meu grupo de amigos a maioría é xente de máis de 50 anos». En canto pasou de ser aquel neno rubio que facía graza tocando o tambor a ser un músico máis nas bandas conseguiu algo que poucos adolescentes tiñan no peto: os seus propios cartos. Con todo, o seu medio de vida non é a música. Titulado como técnico superior de son, actualmente traballa nos estudos de RNE en Vigo, ocupación que compaxina cos concertos e, agora, co lanzamento de A palabra perfecta, que teno moi ocupado na promoción en redes sociais.
A palabra perfecta é o colofón a moitos meses de traballo que deron os seu froito nun disco de nove temas propios —que se hai que catalogar, Anxo Xesteira etiqueta como pop-latino— arranxados por el mesmo e por David Dopazo; foi gravado en Cambados e mesturado con Fernando Campos en Edisco, na Estrada, coa colaboración de Isi Baúlo (batería), Antonio Giganto (solo de guitarra), Miguelín Ponce (saxos), Tchavosky (arranxo e frauta de Un día de Festa), Itzíar Solla (segunda voz e arranxos nas letras) e coa fotografía de Yanka Soto.
Que buscabas con este traballo?, preguntamos: «Plasmar a versatilidade musical que pode chegar a ter a xente». El, desde logo, tena, e aínda podería dar máis de si. O seu compañeiro Antonio Giganto trata de convencelo para compoñer algún tema electrónico con ritmos do século XXI, pero Anxo confésase analóxico e non se ve lidando cos ordenadores —«eu son máis de teclas e de cordas», apunta—, aínda que todo pode chegar.
No seu instituto, o Ramón Cabanillas de Cambados, foi declarado durante dous anos «Cabanillas.Importante.Persoa (CIP)» en recoñecemento á súa contribución coas actividades que se organizaban no centro nas que el, por suposto, encargábase sempre da música e o equipo de son. Anxo é importante, tamén fora das aulas.