![](https://img.lavdg.com/sc/_AQReIejzqgEGybugibvZyVZR8w=/480x/2023/06/23/00121687544642680388885/Foto/AJ24C8F1_202233.jpg)
Os comuneiros propoñen para este domingo un camiño trufado de sorpresas, cultura, tradición e natureza
23 jun 2023 . Actualizado a las 21:17 h.O muíño que probablemente posúa máis moas de todo O Salnés e ou seu entorno. Unha lagoa poboada por anfibios e fentos endémicos. Un probable escenario de rituais anteriores á chegada de Roma. E, por suposto, toda a fermosura natural e paisaxística dun entorno tan privilexiado coma pouco coñecido. Estes e outros moitos son os segredos que agocha o monte de Lantaño, e os seus comuneiros se preparan a amosar aos participantes na andaina que, mañá domingo, percorrerá boa parte desta parroquia de Portas e rematará cuns petiscos galegos como merenda.
A iniciativa, que está aberta aos veciños de Lantaño, pero tamén a todo aquel que desexe achegarse, está concibida para que calquera poida tomar parte nela. Tanto os moi andaríns, que tomarán a saída ás dez da mañá dende a praia fluvial, para trazar un percorrido duns vinte quilómetros, coma tamén os máis tranquilos ou os máis pequerrechos, que poden sumarse á comitiva ás catro da tarde, no miradoiro de Outeiro Grande, para facer xuntos o último tramo ata Ponte Currucho.
![](https://img.lavdg.com/sc/0FcLh8ItwZw222Qhjlx7nIHOkTU=/480x/2023/06/23/00121687544701723428792/Foto/AJ24C8F1_202317.jpg)
O camiño enteiro conducirá dende a praia a Ponte Currucho, precisamente. No monte do Castro consérvase unha mámoa que paga a pena ollar. Sigue a andaina cara os montes de Almirante e de Casal para baixar a un espazo dende o que se contempla a capela de San Pedro Mártir e o cruceiro do Culebrón, como se coñece popularmente nesta zona. Hai varios pazos neste tránsito, que permite visitar tamén o muíño de Ponte Dafonso coas súas cinco moas. O grupo tocará As Aceñas e cruzará a ponte sobre o río Umia para subir dende aló ao miradoiro de Outeiro Grande.
![](https://img.lavdg.com/sc/NJ4iegYKJhw3TMRznduwHdIiSPA=/480x/2023/06/23/00121687544643272305760/Foto/AJ24C8F1_202255.jpg)
Este é o lugar onde os camiñantes farán parada para xantar debidamente, máis ou menos entre as tres e as catro da tarde, que é cando se unirán a eles os membros da segunda quenda. Daquela tocará baixar ao Balcón do Cachal e á Fonte das Lebres para coñecer a Lagoa do Sabugueiro, especial polos seus fieitos, que só medran nalgúns puntos de Galicia e da costa de Portugal, Marrocos, Madeira, Canarias, Azores e Cabo Verde. Contan os comuneiros que nesta zona é posible que se desenvolvesen ritos e ofrendas moi antigos. O remate pasaría polo pazo de San Bieito ou do Rial, e de novo Ponte Currucho, unha ponte de probable orixe medieval, restaurada en dous terzos pola xente de Lantaño, e á espera de que Caldas e a comunidade de Saiar fagan a súa parte. Música, petiscos galaicos, con tortilla, empanadas, friames e unha boa rosca, regados con viño tinto que fornecerán os propios comuneiros. Difícil imaxinar mellor plan.