A Vía Verde e a Senda Mariñeira obteñen a «bandeira azul» para as rutas sostibles
PORTAS
![](https://img.lavdg.com/sc/cy82C0-S7_yJbCYuLZwLpY73x1o=/480x/2023/12/15/00121702657861938187582/Foto/AD16C2F2_172954.jpg)
O tribunal valora criterios como accesibilidade, sinaléctica, conservación e puntos de interese que ofreza o camiño
16 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A Vía Verde e a Senda Mariñeira entre Vilaxoán e Carril veñen de ser recoñecidas pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) co distintivo de Sendeiros Azuis, similar ás bandeira azuis das praias. Aspectos como a accesibilidade, sinalética, estado de conservación e puntos de interese son algúns dos criterios avaliados pola asociación independente para a concesión do recoñecemento a estas rutas, que suman un total de 16 quilómetros e medio de sendeiros peonís e cicloturistas convenientemente acondicionados e sinalizados.
A Vía Verde do Salnés, a primeira integramente galega que existiu na comunidade, abriuse en 2020. Discorre polo tramo de 8,9 quilómetros do antigo trazado ferroviario existente entre o lugar de Abelle (Rubiáns) en Vilagarcía de Arousa e a vella estación de Portas, atravesando o río Umia en terras de Caldas de Reis. Ao longo do seu percorrido por distintas parroquias do rural, destacan múltiples lugares e puntos de interese, como o pazo de Rubiáns, cos seus Xardíns de Excelencia, o antigo apeadoiro de Ande, a ponte metálica sobre o Umia ou a antiga azucreira de Portas. Ademais, serve de conexión co Camiño Portugués e o Camiño da Costa. Distínguese tamén por sen unha senda completamente accesible.
Pola súa banda, a Senda Mariñeira de Vilaxoán a Carril creouse en 2022 e discorre polo litoral do municipio. Deseñouse como un recurso turístico en torno á cultura, historia, patrimonio e aos sectores produtivos. Esténdese ao longo dos 7,6 quilómetros que distan entre o esteiro do Rial, en Vilaxoán, e o alto da Rosa, en Carril.