O Vilalonga pena cun 4-0 a súa pobre segunda parte ante un Silva sen piedade
SANXENXO
Os de Alberto Mariano viñéronse abaixo tras o 1-0 do minuto 44
19 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Segundo partido do 2025 e segunda derrota do Vilalonga. Só que desta volta, ofrecendo unha mala imaxe nos segundos 45 minutos do seu duelo ante o Silva, nos que o conxunto coruñés só tivo que espremer o seu traballado fútbol de contención e contragolpe para endosarlle un doloroso 4-0 ao equipo que dirixe Alberto Mariano.
Nada facía pensar en tan avultado marcador final no minuto 44. Ata ese momento, o choque avanzara polos cauces da igualdade, con contadísimas ocasións de gol para ambos equipos. No caso do Vilalonga, con Marcos Blanco mandando o coiro a rentes dun pau nun man a man con Bugy. Pero a un minuto do descanso, Diego Lamas sacou petróleo dunha falta lateral, cabeceando o 1-0.
O conxunto arousán non soubo encaixar o tanto psicolóxico. Na segunda parte, os de Alberto Mariano penaron sen alma polo campo do Silva, que tan só tivo que agardar a tres erros do seu rival para levantar a súa goleada. Roubando no medio campo no minuto 73 para o 2-0 e pechando a conta xa co tempo regulamentario cumprido. «Na segunda metade estivemos mal, mal, porque se nos cae o equipo. Non soubemos encaixar o 1-0», declarou tras o choque o técnico celeste.
FICHA DO PARTIDO:
SILVA (4): Bugy, Brais Lema, Diego Lamas (Raúl Melo, min 59), Pablo Carro (Carletto, min 63), Ogando (Garda, min 59), Fita, Dani Estramil, Álex Montero, Antonio, Baldo (Manuel Mosquera, min 79) e Iván Arena.
VILALONGA (0): Rodri, Nico, Álex Barbeito (Héctor, min 63), Raúl (Monchito, min 78), Marcos Blanco, Jesús Barbeito (Dieguito, min 72), Martín, Tomás, Iker (Mateo, min 63), Santi Garrido e Iago Portas (Varo, min 46).
GOLES: 1-0, min 44: Diego Lamas. 2-0, min 73: Fita. 3-0, min 76: Baldo. 4-0, min 90: Carletto.