Relato de verán de José Manuel Lombos, recepcionista, 40 anos. Florencia (Italia)
17 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Xa marcharan todos, fiquei só na praia e a luz comezaba a abandonarme tamén.
Cando terminaba de arranxar a Pintora, Linda sorprendeume polas costas, tocoume o ombreiro como faría unha meiga mentres recita o conxuro que me faría desaparecer.
De xeonllos, sobre a area, explicáballe como debía empapar a estopa na brea. Afundimos xuntos os dedos nas fendas, entre as táboas, así puiden achegarme ao seu cabelo longo e tentar ulir o seu recendo, pero comezou a chover como un reto novo para convidala a ficar comigo. Eu suplicaba que non desaparecese con a noite e sen pensalo pedinlle axuda. Xiramos a dorna e arrastrámonos ato o interior do casco.
As velas que quentaron a espesa e escura mestura iluminaban agora a cúpula do templo que nos protexía. Enterrei as mans entre as pequenas pedras e as diminutas cunchas abandonadas dos ermitáns, furadas e branqueadas pola salitre, nun intento de despegar da pel os restos de negrura e acariñar o rostro frío.
Ela fixo o mesmo, fretou as mans cheas de todos aqueles seres inertes que escorregaban entre os seus dedos levándose a suciedade.
Exploramos os corpos baixo a la que nos illaba do frío e absorbía a humidade. As gotas que caían do ceo estrelábanse contra os minúsculos seixos e os vernizaban con un líquido resplandecente; outras batían no casco, escoitabámolas dende un mundo afastado.
Eu perdinme entre os seus cabelos que separaba como os fíos da estopa. Beixámonos tanto que nos doeron os beizos e tivemos que conversar para separalos. O sono non quería ficar con nós, era un lugar demasiado frío.
Abrimos a valva que nos envolveu nun soño sen descubrir os corpos e vimos como a luz vermella do Sol entraba pola mar. Continuaba a chover, corremos ata a taberna do golfiño azul para protexernos e quentarnos. Na entrada volvemos a beixarnos e a recordar o soño. O furgón do panadeiro detívose diante de nós, o condutor saíu con presa, abriu o portón traseiro, colleu un saco cheo de pan e desapareceu no interior da taberna. Linda e eu aproveitamos para roubar dous croissants e fuxir ata o pobo.